Abel Caballero promete "dous anos brillantes" para Vigo pese ás "ausencias" da Xunta

A dous anos das eleccións municipais, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, atende Nós Diario para valorar a situación da cidade. Formulacións keynesias, obra pública e proxectos europeos son a chave coa que promete dous anos "brillantes". Porén, a oposición é moi crítica co Goberno e demanda gasto social e un novo modelo de urbe.
O rexedor Abel Caballero e a tenente de alcalde e presidenta da Deputación, Carmela Silva (Foto: Concello de Vigo)
photo_camera O rexedor Abel Caballero e a tenente de alcalde e presidenta da Deputación, Carmela Silva (Foto: Concello de Vigo)

O Goberno municipal de Vigo afrontou o último ano "con moito sufrimento" a causa da pandemia, recoñece a Nós Diario o alcalde Abel Caballero, mais ao tempo, "tivemos que cubrir todas as ausencias da Xunta na atención á xente en múltiples aspectos sociais", facéndose cargo das ocupacións da Administración galega.

Mais "no resto de cuestións" afirma que "Vigo seguiu a súa marcha", continuando todas as actuacións públicas previstas. O rexedor pon como exemplo a inauguración en decembro das ramplas mecánicas da Gran Vía, como "forma de entender a mobilidade vertical". Aliás, sinala que están en marcha 120 obras por valor de 150 millóns de euros e pon o foco en que o ano pasado a cidade foi recoñecida como a de maior calidade de vida no Estado. 

Preguntado sobre os dous anos que restan até as eleccións municipais e ante a crise social e económica, asevera que o Concello está a actuar "coa obra pública como dinamizadora da actividade económica, con formulacións keynesinas de tirón de demanda e xeración de emprego directo a través da obra que tira de toda a economía". Ao tempo, explica que están nun "proxecto global de fondos europeos en que o Concello e eu como alcalde encabezo unha fábrica de batería, da que só haberá unha en España, ou de hidróxeno verde, unha fábrica de chips de fotóns ou un proceso de 5-G de automóbil autónomo". 

Para os vindeiros dous anos ten como obxectivo rematar a estación de tren de Urzáiz e o espazo público que ficará na parte superior. Engade a recuperación da actividade deportiva e a inauguración de dous novos pavillóns. En definitiva, os dous próximos anos "van ser os mais brillantes de Vigo". 

Ademais, amósase confiando en que se relance a economía, mais insiste na "ausencia da Xunta que está deixando que quebre" o estaleiro de Barreras "sen facer nada". En canto á hostalaría, recorda que a Xunta recibiu 900 millóns para axudas e que a Vigo só deu tres. "A Xunta está facendo beneficio coa pandemia cos recursos que lle envía o Estado e Europa", denuncia. 

O PP pide axudas para pemes, autónomos e o comercio

"Vigo foi a única cidade galega que non destinou axudas directas a pemes, autónomos e hostalaría", critica o portavoz municipal do PP, Alfonso Marnotes. Ademais, ten o gasto social "dos mais baixos do Estado" e "apenas se incrementou en 2020, pasando de 18 millóns en 2019 a 19 millóns no ano da pandemia". O popular compara isto coa Coruña, onde o "gasto social chega a 29 millóns".

Aliás, "a inacción do alcalde xerou 120 millóns de remanentes sen executar en 2020" e quedaron sen investir, acusa o popular. 

Marea reclama gasto social

O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamenta a ausencia de políticas para a recuperación económica. "Óbviase o que pasou coa pandemia e dedícanse inxentes recursos a luces de Nadal e inauguracións mediáticas".

A maioría de solicitantes da Risga e de vivenda con protección están en Vigo, remarca, "mais non hai política social". Por iso, exixe un novo modelo de cidade, pensado para as persoas o e un "control" dos servizos públicos, sobre todo dos concesionados a empresas, ao tempo que avoga por avanzar en remunicipalizacións.

O BNG urxe a pór no centro da política as persoas

Xabier Pérez Igrexas, edil do BNG, sinala a contradición de que o Goberno local conte co maior orzamento da historia mais "só ofreza máis do mesmo: adornos, anuncios, titulares... mentres afonda no desatendemento das necesidade da cidade e no abandono dos barrios e parroquias". O nacionalista é moi crítico coas prórrogas das concesións privatizadas, como a do servizo da auga ou o transporte público, marca do "modelo privatizador" de Caballero. 

Sobre o PXOM lamenta que se estea a facer "de costas á veciñanza e aos grupos políticos" e que se perda a oportunidade de deseñar unha cidade moderna, para as persoas e sustentábel. Recorda que en Vigo hai máis de 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza polo que exixe políticas para as maiorías sociais. 

O túnel que atravesará toda a zona vella de Vigo ergue as críticas da veciñanza

Perto das ramplas mecánicas da Gran Vía inauguradas hai seis meses están as escaleiras mecanizadas da Porta do Sol, a céntrica praza que Abel Caballero quere peonalizar cun túnel con ramplas de acceso en plena zona vella e que ergue as críticas da veciñanza en defensa do patrimonio. 

Comentarios