Vigo inicia en pleno verán a montaxe do alumeado de Nadal

A montaxe do alumeado de Nadal en Vigo empezará este 4 de agosto e en plena quinta onda da pandemia cun acto simbólico no Farol de Urzáiz. Segundo o alcalde, o inicio da montaxe da iluminación é "un episodio planetario". 

Alumeado no Nadal en Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Alumeado no Nadal en Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

En plena quinta onda do coronavirus e no mes de agosto, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que esta quinta feira, 4 de agosto, inicia a montaxe do alumeado de Nadal e expresou a súa confianza en que a situación da pandemia sexa moito mellor para esas datas, polo que augurou que a cidade recibirá "millóns" de visitantes.

En rolda de prensa, o rexedor confirmou que a empresa encargada da instalación xa comezou a realizar traballos e que a montaxe exterior, que se estenderá a 340 rúas, empezará este 4 de agosto cun acto simbólico no Farol de Urzáiz. Segundo o alcalde, o inicio da montaxe da iluminación é "un episodio planetario". 

O BNG denuncia a falta de ambulancias na cidade

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, reprochou a prioridade do alumeado. "Con 4.590 casos activos de Covid-19 na área de Vigo o alcalde, a inicios de agosto, só ten a cabeza no seu nadal de masas. Raia no patolóxico", afirmou.

Ademais, alertou da insuficiencia de ambulancias para a atención de emerxencias sanitarias na cidade, "o que combinado coa tempada estival e a grande incidencia da quinta onda, está limitando a capacidade de resposta asistencial". Indicou que "hai casos de xente agardando varias horas unha ambulancia con cadros de insuficiencia respiratoria". 

Tamén se solidarizou o nacionalista co persoal da empresa de transporte público en Vigo Vitrasa, que este 3 de agosto desenvolveu a primeira xornada de folga das catro convocadas para esta semana. O BNG exixiu ao Goberno municipal que actúe contra a concesionaria do autobús urbano polos seus reiterados incumprimentos e lembrou que se trata dun servizo de titularidade municipal.

Comentarios