ALTERNATIVAS

A Xunta só precisaría 18 millóns para iniciar o proceso de creación dunha banca pública galega

O goberno galego dotaríase dunha valiosa ferramenta anticrise cunha pequena inversión inicial que tería que acompañar cunha campaña para captar aforro e redirixir os depósitos propios até sumar os 500 millóns necesarios para funcionar a bo rendemento, a mesma cantidade que gastan as deputacións.

Manifestación contra a estafa financeira.
photo_camera Manifestación contra a estafa financeira.

Da man de Xavier Vence e Guillerme Vázquez, o BNG reabriu a pasada quinta feira coa presentación dun detallado plan o debate sobre a necesidade de creación dunha banca pública galega, especialmente acaído nos últimos temos logo de que Galiza perdese todo o seu músculo financeiro tras a desaparición das caixas, convertidas nun banco que, previsibelmente, vive os seus últimos días á espera dun comprador, con todas as papeletas para calquera de carácter especulador e alleo ao país.

 Ante un panorama tan complexo e no medio dunha crise salvaxe, a función dunha banca pública galega pode ser, segundo os nacionalistas, unha ferramenta fundamental para a recuperación económica, “que pasa por facer circular de novo o crédito entre o tecido produtivo”. Mais, primeiro, hai que creala, algo para o que non semella haber a máis mínima vontade por parte da Xunta do PP. E non será porque para intentalo necesite unha inversión faraónica. Obviando a posibilidade, en principio máis doada, de se quedar co 92 por cento público de NovaGalicia Banco, outras das opción polas que apostou o Bloque pasaría por partir de cero e crear uns instrumento novo. O mínimo legal para abrir ese proceso é ben accesíbel para calquera administración: 18 millóns de euros. O que valen, literalmente, dúas rotondas para unha Xunta que vén de pagar nove millóns para facer unha na Coruña.

Os pasos son claros. O capital para arrincar son eses 18 millóns. Como é obvio, esa cantidade non chega para soster unha entidade financeira. Segundo os cálculos de Vence, habería que aspirar a sumar uns 500 millóns, curiosamente a mesma cifra que gastan as catro deputacións, cuxa eliminación aínda se mantén como demanda de amplos sectores. Mais, alén do aforro que suporía unha racionalización real das administracións de Galiza, o diñeiro preciso para chegar á cantidade requerida para se dotar dunha banca a bo rendemento podería saír de dúas vías.

Por unha parte, unha vez constituída a nova entidade, o goberno galego debería abrir unha campaña de captación de aforro, segundo o BNG. Dada a súa enorme influencia, o máis probábel é que unha relevante porción das contas agora abertas en Novacaixa ou o Pastor pasarían ao instrumento público. Así as cousas, acadaríase un pasivo suficiente para apostar por unha política de crédito de impacto positivo para a economía do país. Asemade, a Xunta tamén tería na súa man outra vía de captación de capital ao redirixir os depósitos que ten na actual banca.

A Xunta, que conta coa potestade para crear sociedades bancarias, se ben podería ser vetada desde Madrid, circunstancia moi significativa. “Crear unha nova entidade ten a vantaxe de supor un menor custo para as arcas da administración galega e permitiría un control total da actividade”, sinalan desde o BNG, que lembra que tamén existiría a opción de recuperar NovaCaixaGalicia e reconstruír a caixa dende o seu infravalorado capital actual de 180 millóns para outorgarlle un uso social. Existen as vías. “Todas son mellores que a ditadura dos mercados da especulación”, afirman os nacionalistas.

Comentarios