A Xunta di defender unha minaría "sustentábel" onde a oposición ve "expolio" e "colonialismo"

Mentres as plataformas en defensa do territorio saíron máis unha vez á rúa para se manifestar contra a mina de Corcoesto, a Xunta avanzou que seguirán adiante co proxecto porque "os 11 informes ambientais" elaborados avalan a iniciativa. BNG e AGE denunciaron as consecuencias ecolóxicas da creación da mina de ouro na comarca de Bergantiños. [Imaxe: María Abelleira]

Concentración no Hórreo contra a mina de Corcoesto
photo_camera Concentración no Hórreo contra a mina de Corcoesto

O cianuro non é sustentábel. É prexudicial para o medio Permitir que unha empresa canadense fenda o país para expoliar os recursos naturais da Galiza non é "un proxecto de desenvolvemento sostíbel" como afirmou esta cuarta feira no Hórreo o conselleiro de Medio Ambiente e Territorio, Agustín Fernández. A mina a ceo aberto en Corcoesto é "o modelo clásico de expolio" empregado nos países subdesenvolvidos, dependentes. É un exemplo de "colonialismo", denunciaron @s deputad@s do BNG e AGE, Carme Adán e Antón Sánchez. 

Xunto a el@s, ás portas dun Pazo do Hórreo tomado pola policía, ducias de persoas manifestábanse --máis unha vez-- contra o proxecto mineiro de Corcoesto. No entanto, a Xunta de Galiza non escoita. Executa. E neste senso, avanzou que continuaría adiante co proxecto de acordo "coa normativa autonómica" e amparada nos "11 informes de impacto ambiental" que "avalan", din, a "sostibilidade" da mina.

Desde as organizacións ecoloxistas, plataformas en defensa do territorio, gandeir@s e cidadanía advirten que a construción da mina en Corcoesto porá fin ao sector económico básico da comarca de Bergantiños: o agrogandeiro, en grande medida como consecuencia do verquido e almacenamento de substancias altamente contaminantes empregadas para a extracción do ouro (cianuro e arsénico). Aliás, denuncian que os postos de traballo que podería xerar o proxecto non reverterán na poboación da zona abocando á mocidade da comarca "a coller as maletas" --sentenzaba a nacionalista Carme Adán na Cámara. 

Porén, o executivo galego "fai ouvidos xordos" --apuntan desde a oposición-- e acusa ás demais forzas parlamentares de "alarmistas" ao tempo que abre o camiño a novos proxectos mineiros coñecidos nos últimos días como o da montaña luguesa --que afecta a dúas reservas da biosfera-- ou a Serra do Galiñeiro. 

Segundo o conselleiro de Economía, Francisco Conde, a Xunta de Galiza non pensa dar volta atrás á aprobación da mina de Corcoesto e asegura que seguirán adiante con aqueles proxectos que partillen os "principios" do goberno galego a respecto da minaría. A comezar, dixo, o carácter "sustentábel" e a xeración de emprego. 

Comentarios