O clamor do pobo erguido resoa na Quintana

Historias reais contadas por esa outra Galiza, a esquecida nos corredores da Xunta, aderezan a crónica dunha mobilización histórica coa banda sonora que resulta de repetirmos, acompasad@s tod@s, un mesmo berro: In-de-pen-den-cia!


E ó pé da enseña da nazón galega cantémo-lo dereito a libertar a Terra!
(verbas extraídas de En pé!, do poeta nacional Ramón Cabanillas) 

Dixo o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, dirixíndose a unha Quintana ateigada, que alí estaba a Galiza real, a dos problemas reais, "a Galiza esquecida polo PP". Paseniño, coa nación galega por bandeira, esa Galiza botou a andar desde a alameda de Compostela cando a agulla grande do reloxo se colocaba uns minutos por diante das doce do mediodía. Marcando o ritmo, os tambores da Treboada do Baixo Miño. E facendo un esforzo para a podermos ouvir, Sonia explica os motivos que a trouxeron, tamén este ano, á capital do país.

"Coa escusa da crise están a acabar con todo. Cómpre reivindicarmos máis autogoberno para esta nación sen estado". Ao seu carón, con voz firme e após colocar os lentes de sol sobre a cabeleira, xa canosa, Trinita quere tamén pronunciarse: "fálase moito da escola e dos médicos, e claro que hai que falar! Mais o agro é a alma desta terra, sen agro non comemos, e veñen de quitar unha lei que nos vai arruinar porque nos van deixar sen eidos e sen nada". Baixando a voz, e a cabeza, conclúe: "a min o que me dá medo é que á xente non lle importa".

Seguimos camiñando, apurando o paso e procurando o escaso refuxio á sombra que ofrecía a ruta trazada até a Quintana. Coa folla dun xornal na cabeza facendo as veces de gorro improvisado atopamos cun home que fala con nós a cambio do anonimato. Seica non gosta de saír nos medios. "Mira a Galega o que manipulou co das preferentes. Hoxe dirán que somos catro", aprecia, namentres ducias e ducias pasan por diante dos seus ollos.

As fendas nas mans, os calos que ten nelas, dan conta de que a vida no rural da Galiza, para alén de tranquila e saudábel, é dura. "Cantas explotacións gandeiras pecharon desde que goberna a dereita? Pecharon máis de dúas mil. E a como vai o leite? Tiramos con el". Aínda que cualifica a manifestación deste Día da Patria como "histórica", tamén este labrego ten metido na cabeza que o pobo galego "ten que espertar" ante a machetada ideolóxica que nos asestaron desde Madrid, co alento dun Goberno, o noso propio, que preferiu outorgar e ficar calado.

Que ninguén lle fale de calar ao estudante que nos acompañou un bocadiño, subindo a rúa do Hórreo. Emocionado pola "atmosfera" de reivindicación e loita que o arrodeaba, queixouse dos recortes nun eido que lle toca de perto. O curso que vén entrará na universidade. Ao irmán quédalle un ano. O pai tamén decidiu volver aos libros. "As familias na Galiza non somos pudentes, somos xente pobre, mais merecemos unha educación pública".



E camiñando un pouco máis, a piques de entrarmos no casco vello, achegámonos até Ximena. Militante feminista, chegou a Compostela para reivindicar "un Estado propio onde as mulleres sexamos protagonistas". Carrexa nun cartaz a cara do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, cuñado cun contundente lema Até os ovarios do capital e os seus sicarios. "Nós sempre vivimos a situación do país desde a oposición ao sistema patriarcal, e aínda onte nos ameazaron con que non podemos decidir a nosa maternidade". Por iso, un autocolante sobre a súa camisola clamaba polo dereito a un aborto libre e gratuito.

Ouvindo a todas estas persoas, unha pequena escolma da Galiza real que máis un ano voltou a saír en defensa "da nosa amada nación, mil veces negada, mil veces traizoada, mil veces humillada, mais non vencida" --citando outra vez ao voceiro do BNG, Guillerme Vázquez--, chegamos até a Quintana. "Non podemos movernos", dicíannos, en resposta ás nosas ansias de nos abrir paso entre a maré.

No palco, as delegacións convidadas --Esquerra Republicana de Catalunya, Coalició Compromís, Bloc Nacionalista Valencià, Partit Socialista de Mallorca-Entesa Nacionalista, Aralar, Ezker Abertzale, Eusko Alkartasuna, Partido do Bierzo, Coalición Canaria, Partido Comunista Portugués, Bloco de Esquerda, os Consulados Xerais das repúblicas de Venezuela, Cuba e Uruguai, Alianza Libre europea, L'Union Democratique Bretonne, Frente Polisario--.

No micro, Iria Aboi --secretaria xeral de Galiza Nova--, Francisco Jorquera --candidato do BNG á Xunta-- e o propio Vázquez.

Cada proposta lanzada foi contestada desde a praza. Berros de Palestina vencerá; Cuba si, ianquis non; Quer queiran, quer non, Galiza é unha nación; Aborto libre e gratuito; España é a nosa ruína!; Na Galiza, en galego; Adiante xa, co BNG; ou a aclamada In-de-pen-den-cia! --coas sílabas ben separadas e remarcadas-- interromperon unha e outra vez os discursos dun acto políto que emocionou.

A Castelao escolleuno Jorquera para fechar o discurso cun fragmento do Alba de Gloria, evocando "a todos os que nos precederon". Á Rosalía máis insubmisa, a que se rebelou en prol dunha Galiza á que nunca deberán dicirlle española, lembrárona na súa faixa a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova. Nós quixemos botar man tamén d@s nos@s autor@s. Tomamos emprestado máis un verso de Cabanillas para pór o punto e final. Pasan tres minutos das dúas do serán. Puño erguido, soa o himno.

A oliva nunha man, a fouce noutra, berremos alto e forte: A nosa terra é nosa!



NOTA: A galería de fotos desta mobilización podes vela premendo aquí

Comentarios