Blanco, a xuízo por tráfico de influencias

O ex-ministro socialista está imputado por delitos de prevaricación e tráfico de influencias. O suplicatorio --procedemento para poder sentar no banco d@s acusad@s a un aforado-- deberá ser tramitado polo Supremo.

Tráfico de influencias e prevaricación son os delitos que se lle imputan a José Blanco, ex-ministro do Goberno Zapatero e actual representante na Cámara baixa española. Segundo informa o diario El Mundo, a Fiscalía vén de solicitar ao Supremo que inicie os trámites para expeditar o suplicatorio que permitiría xulgar a Blanco en tanto que aforado. 

Será a sala do Penal da máxima instancia a que actúe contra Blanco ao que se lle acusa de tráfico de influencias a respeito dunha licenza urbanística vencellada á instalación dunha nave industrial da empresa de transporte, Azkar. As investigacións sobre o deputado decorreron no seo da Operación Campeón. No entanto, decae a imputación por suborno a persoal funcionario do que o acusara o empresario lugués, Jorge Dorribo por suposto cobro ilícito de 200.000 euros a cambio de xestións co Ministerio de Sanidade. 

Comentarios