Rueda considera "non urxente" a operación de cancro de páncreas que foi suspendida por falta de sangue

Até once operacións foron adiadas polo Sergas estes días como consecuencia da falta de sangue nas áreas sanitarias de Vigo e Santiago. Así o sinalou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a preguntas de Nós Diario sobre a cirurxía posposta a unha paciente de cancro de páncreas cando estaba xa sedada.
Francisco Conde e Alfonso Rueda nun momento do Consello do Goberno galego desta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Francisco Conde e Alfonso Rueda nun momento do Consello do Goberno galego desta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)

"É unha situación preocupante", afirmou Alfonso Rueda na súa comparecencia após o Consello da Xunta desta quinta feira en referencia á falla de sangue. O presidente dixo que nestes días esa carencia obrigou a adiar 11 operacións que estaban programadas, "ningunha era urxente", nas áreas de Vigo e Santiago. Porén, esta segunda feira L.L., ingresada no Hospital Clínico de Santiago de Compostela (CHUS), viu interrompida a súa operación cando levaba xa unha hora sedada e tiña o catéter epidural colocado. O motivo, que "non hai sangue nas reservas". Adiábase até o 26 de xullo.

Rueda indicou que esa falla de sangue levou a realizar un chamamento especial á cidadanía para que doase. "O día desa petición as doazóns eran 300, despois foron 600", indicou, para sinalar o efecto positivo da chamada.

Para a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, porén, o adiamento da operación responde a unha "mala xestión" do Sergas e mesmo estariamos perante un "incumprimento flagrante" do artigo 6.1 da Lei de Saúde da Galiza.

"Xa o advertín"

Rueda tamén foi preguntado polas crecentes queixas e denuncias en determinadas comarcas costeiras pola falla de profesionais médicos nos centros de saúde. "Xa advertín que o verán ía ser unha situación complicada", indicou esta quinta feira o presidente da Xunta.

Apuntou a que o Sergas está a "facer o posíbel" nun escenario no que o aumento da poboación frotante (coa chegada de visitantes e turistas a esas comarcas) coincide coas "merecidas" vacacións do persoal sanitario. A responsabilidade destes problemas, unha vez máis para o presidente galego, recae no Goberno español, ao que acusa de non adoptar as medidas precisas para poder garantir máis persoal.

Área de Transporte da Galiza

O Consello da Xunta tamén deu o visto e prace a un acordo que Rueda cualificou como "importante para unha mobilidade sustentábel" e que pasa pola Área de Transporte da Galiza, que estende as vantaxes do transporte metropolitano ao conxunto do país e a todas as persoas usuarias.

Así, os descontos que benefician os usuarios e usuarias das áreas metropolitanas de transporte chegan ás persoas que viven fóra deses espazos. "Vai haber 119 concellos, con menos de 2.000 habitantes, que automaticamente van estar nesta nova área", explicou Alfonso Rueda, e que se poderán así beneficiar dos mesmos descontos no bus que os existentes nas cidades e as súas contornas.

"Estendemos as vantaxes do autobús metropolitano co que 150.000 veciños deses concellos rurais terán descontos de 50 céntimos no billete e poderán facer transbordos gratis", engadiu. "Os demais concellos poderán adherirse para ofrecer tamén estas vantaxes". Do mesmo modo, a gratuidade para menores de 21 anos mediante a Tarxeta Xente Nova tamén se ampliará a todo o territorio galego.

Noutra orde de cousas, o Consello tamén aprobou destinar 300.000 euros a un convenio co Arcebispado de Santiago para unha Peregrinación Europea Xuvenil.

Comentarios