Feijóo converte o aniversario do Centro Galego de Barcelona nun acto electoral

A directiva desta entidade convocou as socias e socios a un acto para conmemorar o 120º aniversario, en que o presidente da Xunta recibiría unha medalla. O acto non se celebrou e no seu lugar realizouse un mitin da campaña electoral do PP de Catalunya.
O PPdeC no CGB
photo_camera Carrete, Sánchez Camacho e Fernández Díaz

O Partido Popular de Catalunya emprega todo tipo de estratexias para captar o voto nas eleccións ao Parlamento catalán. Desta volta Alicia Sánchez Camacho botou man do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e da súa imaxe “vitoriosa” despois dos comicios galegos. A conexión Feijóo-Camacho funciona e o pasado 11 de novembro o PP aproveitou un acto no Centro Galego de Barcelona (CGB) para realizar un mitin que abriu a información electoral do día.

Manoel Carrete, presidente da entidade despois de gañar as eleccións este ano, enviou unha carta aos socios e socias en que convidaba “ao acto que terá lugar na nosa entidade e que contará coa asistencia do Presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Núñez Feijóo”. Segundo a carta, asinada polo propio Carrete, explicaba que “o acto consistirá no outorgarmento da medalla do 120 aniversario da Entidade ao presidente da Xunta, así mesmo a FEGALCAT (Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya) concedeulle a medalla Ouro ao máximo mandatario galego que se lle imporá na nosa sede”. A carta “agradecía” a asistencia e non informaban da presencia dos líderes do PP de Catalunya.

O presidente do Centro Galego de Barcelona convidou por carta unha entrega de medallas polo 120º aniversario e @s asistentes atoparon un acto de campaña electoral do PP

“Foi un mitin descarado do PP”, asegurou un dos asistentes que quere manter o anonimato, “non se entregou ningunha medalla e o único que comentaron foi que quedaba para outro día”. A cobertura dos medios de comunicación foi a habitual de campaña. En TV3 estivo no telexornal (minuto 11:45) e outras televisións cubriron o acto de campaña do PP dese día. “Non faltou no estrado nin o voceiro do PP no Concello de Barcelona, Alberto Fernández Díaz nin, por suposto, a candidata Alicia Sánchez-Camacho” apunta o mesmo informante.

Indignación d@s galeg@s en Barcelona

A información do acto electoral chegou despois de realizarse e difundiuse a través das redes sociais. O perfil de facebook do Centro Galego recibiu algunhas das mostras de indignación de soci@s e ex-soci@s. “Noxo dá que un centro que debería reunir todo tipo de ideoloxías sirva para facer actos electorais”, opina Xan. O xornalista Antonio Díaz apunta que “sería grave se non se lles dá a mesma oportunidade a todo os dirixentes políticos, sexan do partido que sexan”.

Xiana Díaz, membro da Asemblea Cultural Galega de Barcelona, pensa que “Estas entidades viven das subvencións públicas e é vergoñoso que entre todos lles paguemos o local aos políticos que non teñen onde ir a facer campaña”. Hoxe mesmo xa houbo baixas na entidade. É o caso de Fernando Blanco que enviou unha carta ao CGB en que afirma que “no CGB pasaron candidatos, lideres políticos, organizacións, entidades, etc.. de diferentes cores, pero non se debe permitir, baixo o meu punto de vista, que vaian  facer mítins na campaña electoral. Se se quere facer algo así, convocanse aos representantes de todos os partidos e non se convidan en función de quen dea a subvención".

Suso Mon, director do programa de radio “Galiza...algo máis” e autor do blogue "Invando Vagalumes", pensa que “O presidente da Xunta de Galiza soe visitar Catalunya sempre que hai que arrepañar votos para as candidaturas locais do PPdC”.

A propia Alícia Sánchez Camacho subiu este vídeo da súa visita "casual" ao Centro Galego de Barcelona:

Máis en Països Catalans
Comentarios