Algunhas voces no PSC exixen que o PSOE acepte o dereito a decidir en Catalunya

A deputada Rocío Martínez-Sampere, unhas das que non quixo votar contra a Declaración de Soberanía no Parlament de Catalunya, pide "valentía" nunha entrevista
Rocío Martínez-Sampere, PSC
photo_camera Rocío Martínez-Sampere, PSC

 

A votación do PSC sobre a Declaración de Soberanía no Parlament de Catalunya continúa a protagonizar boa parte do debate sobre a división n@s socialistas. Unha das deputadas que non acatou a disciplina de voto do partido de Pere Navarro asegurou, nunha entrevista concedida a El País, que o seu partido debería ir máis alá na definición do Estado español. "O PSOE moveuse para propugnar unha reforma federal de España, mais debería ser máis valente e aceptar o dereito a decidir de Catalunya".

 

Rocío Martínez-Sampere (Barcelona, 1974) foi, xunto a Joan Ignasi Elena, Angel Ros, Marina Geli e Núria Ventura, a deputada que non quixo ir contra os seus principios e non votou contra a Declaración de Soberanía. Segundo a socialista mudar a actitude do PSOE "non só llo pide o PSC, senón tamén a maioría dos cataláns, e é o que fixo David Cameron con Escocia". Martínez-Sampere asegura que non é sinxela a decisión e ten conciencia da situación que vive o seu partido.

 

Non quere nin falar de división interna. "Romper ao PSC só beneficia á dereita nacionalista e iso é algo que todos temos moi presente". Na mesma entrevista a socialista reclama unha renovación "de caras, de ideas e de maneiras de facer" para recuperar a confianza do electorado.

Máis en Països Catalans
Comentarios