17:14. Ara és l´hora

17.14. Esa é a hora. Nin un minuto máis tarde. 17.14 evoca, claro, a 1714. Hai 300 anos Catalunya perdía as súas liberdades. Hoxe, centos de miles de catalás e cataláns comporán unha V multitudinaria para mostrar ao mundo o seu desexo de voltar a ser un país libre.

BNG

Hai 300 anos que Barcelona, coma derradeiro reduto do Principat de Catalunya, da Coroa de Aragón e da liñaxe dos Austrias na península, sucumbe ao sitio de máis dun ano por parte das tropas borbónicas de Felipe V desde España e Luis XIV procedentes de Francia.

Esta tarde (17.14 h), esas mesmas rúas estarán cheas de catalás e cataláns esixindo non recuperar vellas autonomías, senón superar de xeito decidido calquera cadro que non implique a súa completa soberanía, facendo mostra do seu carácter maioritario cara ao 9 de novembro, data fixada para poder votaren en referendo o seu futuro.

Por iso, despois da multitudinaria manifestación de hai dous anos e a cadea humana que uniu os 400 km que mide Catalunya no derradeiro, neste 2014 tentarán xuntar unha multitude para conformar unha V xigante enchendo as avenidas máis amplas e  importantes da cidade.

Máis de medio millón de inscritos

Convocados por Ara és l’hora, que agrupa a Assemblea Nacional Catalana e a asociación Ómnium Cultural, o número de inscritos superou hai 3 días os da vía do ano anterior, e xa está por riba do medio millón de persoas, que farán con camisolas amarelas e vermellas -segundo o seu tramo de rúa- unha histórica bandeira catalá.

Se ben os actos oficias deron comezo esta cuarta feira, hoxe é cando se xuntan en Barcelona a meirande parte das homenaxes, comezando ás 9:30 da mañá coa ofrenda floral a Rafael Casanova , conseller en cap de Barcelona durante o sitio, que xunta a asociación culturais, equipas desportivas ou partidos políticos cataláns de todo o arco parlamentario, inclusive poderase ver nun xeito de lexitimación e escoltados polos Mossos d’Esquadra, o partido xenófobo Plataforma per Catalunya.

Unha V de 10 km de longo

A mobilización conseguida en anos anteriores e a deste ano é froito dun rico tecido asociativo que tamén será visíbel ao longo do día, coma na Fira d’Entitats que se realiza sob o Arc del Trionf e se espalla cara ao Fossar de les Moreres, xuntando a un centenar de entidades non só culturais, senón ecoloxistas, cooperativas, colectivos doutras nacións, asociación de inmigrantes ou artesáns.

O proceso cara á independencia atinxe de cheo os 100 mil galeg@s que moran en Catalunya

Todo isto terá o seu cumio ás 17:14 h, cando se unan ambas as dúas pólas e se poderá comprobar se acadaron o obxectivo de participación formando unha V de 10 km de longo entre a Gran Via de les Corts Catalanes e a Avinguda Diagonal; tentando forzar ao goberno español a admitir o referendo como unha vía legal para que o pobo catalán decida se quere ter un estado propio, todo isto mentres ollan de esguello a unha Escocia na algúns inquéritos colocan o YES acima dos unionistas por primeira vez en toda a campaña.

A situación na que se atopa inmersa Catalunya non só pode xerar unha creba do status quo con consecuencias indirectas para Galiza, mais tamén afecta de xeito directo a no mínimo os 100.000 galegas e galegos que moran en Catalunya.

Debate organizado pola Asemblea Cultural Galega de BCN

Por iso, onte a noite, a Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB) levou ao cabo un coloquio no Ateneu Roig sobre a súa posición perante o proceso soberanista, coa participación de Xavier Vence, Ana Miranda e Camilo Nogueira polo BNG, xunto ao artista plástico Anxo Baranga, a docente de galego na Universitat de Barcelona Sabela Labraña, o activista da PAH Xosé Lombao e o director de radio Suso Mon. 

Alí, canda aos 60 asistentes, puideron compartir experiencias e debater sobre o que acontece en Catalunya e na Galiza, poñendo en cuestión o activismo con acento galego nos países de acollida e valorando como, no caso catalán, se lle dá máis valor á nosa cultura do que lle outorga a propia Xunta de Galiza.

Máis en Països Catalans
Comentarios