As traiñeiras galegas reivindícanse, sen complexos, nas augas do Cantábrico

Cabo conseguiu en Pedreña o seu mellor resultado da temporada, as vogadoras de Meira conquistan en Donosti praza na Liga Euskotren nunha dura pugna con Orio, e Tirán non cede e mantense 4º na ACT. Na Liga Galega Meira segue a marcar o ritmo.

Meira traiñeira feminina mulleres

Outra fin de semana de traiñeiras, con competicións nas diferentes categorías e unha temporada que vai avanzando sen grandes sorpresas mais con emoción mancheas. Na Liga San Miguel (ACT, 12 embarcacións das cales 2 son galegas: Tirán e Cabo) houbo dúas citas: Pedreña (Cantabria) e Donosti. Na primeira delas, Hondarribia foi quen se fixo coa bandeira, batendo a Urdaibai e a Orio, segundos e terceiros respectivamente. A cuarta praza foi para unha inmensa Cabo de Cruz, que fixo o seu mellor tempo da temporada (19:55:84). Os de Alfonso Díaz foron quen de facer unha regata intensa, sen baixar o ritmo. A outra representante galega,Tirán, acabou en oitava posición.

Na cita do domingo en Donosti o triunfo foi para Kaiku. Os de Sestao mantiveron unha dura pugna con Hondarribia (segunda). As representantes galegas finalizaron 7º e 10º nesta cita na Bahía donostiarra. Na Clasificación Xeral, a traiñeira de Tirán é cuarta e a de Cabo de Cruz ocupa o posto sete. Posicións máis que dignas tendo en conta os orzamentos e apoios dos que gozan gran parte das embarcacións que compiten na ACT.

As vogadoras de Samertolameu, entre as grandes

Esta fin de semana, e tamén nas augas do Cantábrico, decorreron dúas regatas para clasificarse para a Liga Euskotren, a cada vez máis exixente competición de traiñeiras feminina. A esas citas acudiron as embarcacións galegas de Cabo de Cruz e Samertolameu de Meira, que competiron contra tripulacións vascas e cántabras por atinxir unha praza na Liga. Finalmente (e tras unha dura pugna con Orio), as vogadoras de Samertolameu lograron facerse con un dos catro portos na Liga Euskotren, unha competición na que as remeiras galegas han batirse con Zumaia, Hibaika e San Juan, tres potentes traiñeiras vascas.

Meira segue forte na LGT

A Liga Galega de Traiñeiras tivo dupla cita esta fin de semana. O sábado, en augas da Pobra do Caramiñal, da categoría A (8 traiñeiras). O domingo, no Grove, da B (9 embarcacións). Na regata en augas da vila do Barbanza Samertolameu de Meira volveu dar un paso máis para se reafirmar como a traiñeira máis forte da LGT. Fixo un tempo de 20:36:58, sacándolle 15 segundos de ventaxe á segunda claisificada, a embarcación de Amegrove. Mugardos e Vilaxoán (que poden dar momentos de gloria na ‘lea’ por ser terceiros na LGT-A) finalizaron terceiros e cuartos, respectivamente.

Na Clasificación xeral Samertolameu vai de primeira (31 puntos, gañou 3 das 4 regatas realizadas até o de agora), sendo o segundo lugar para Amegrove (28 ptos, unha bandeira gañada) e Vilaxoán, con 22 puntos, terceira.

No que atinxe á categoría B da Liga Galega de Traiñeiras a vitoria foi para os de Coruxo, por diante de Bueu (2ª), de Mecos (3ª) e de Rianxo, que se aupou á cuarta posición.

As traiñeiras de Coruxo e Mecos, empatadas a 31 puntos, comandan a Clasificación da LGT-B, o terceiro lugar é para a embarcación de Perillo, os de Bueu son cuartos, e a tripulación de Rianxo escalou até a quinta praza.

Fotos da traiñeira feminina de Meira: Liga San Miguel e Liga Galega

Máis en OPINIÓN
Comentarios