O proceso soberanista galego chega a Catalunya

Conferencia Nacional de ERC. Cara á independencia. Contraste de experiencias con outros proxectos soberanistas, entre eles o galego. Que é iso de GpS?, perguntaron @s cataláns, en relación á iniciativa que naceu este sábado en Santiago. Os nacionalistas galegos Xavier Vence e Camilo Nogueira encarregáronse de informar ao respeito.

Bandeira galega co escudo deseñado por Castelao

Esquerra Republicana de Catalunya realizou esta fin de semana unha importante conferencia nacional na que aprobou a folla de ruta cara a independencia. Unha conferencia na que economistas, políticos, sociólogos e representantes de diferentes organizacións sindicais, cidadáns... debateron sobre o proceso de independencia e as experiencias en diversos países europeos. Entre os convidados a participar estaban Xavier Vence e Camilo Nogueira, do Bloque Nacionalista Galego.

Forzas soberanistas das nacións do Estado e de Europa debullaron os diferentes procesos que existen nos seus respectivos países

No contexto destas achegas por parte dos responsábeis das diferentes forzas europeas dos distintos procesos con base á reivindicación do dereito a decidir que existen nos seus países, a delegación galega informou de Galiza pola Soberanía.

"Apoio á aposta do pobo catalán polo dereito a decidir"

Segundo afirma nun comunicado a fronte nacionalista, no marco destes debates, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, transladou o apoio "á aposta do pobo catalán polo dereito a decidir". Foi nese contexto de experiencia de intercambio que Xavier Vence achegou o que estaba a acontecer no noso país, "informando aos representantes das distintas formacións sobre as iniciativas e a visión de Galiza, en particular sobre a iniciativa social pola soberanía que están a artellar en Galiza persoas e colectivos arredor da iniciativa social Galiza pola Soberanía (GPS)".

GPS nace como unha iniciativa cidadá e supra-partidaria que procura sumar forzas no camiño da conquista dun Estado Galego. No manifesto fundacional, asinado por 200 persoas, avógase pola soberanía como o elemento en base ao cal tecer a sociedade máis libre, xusta e igualitaria. Desbótase a actual vía autonómica por estar esgotada e ser parte mesma do sistema que se quer superar en chave social e nacional. 

Máis en OPINIÓN
Comentarios