Unha sondaxe dá claro vencedor a Salmond no segundo debate con Alistair Darling

O 71% das persoas consultadas consideran que o primeiro ministro escocés se impuxo con clareza ao portavoz unionista de Better Together, Alistair Darling, a quen só viu vencedor o 29% da audiencia. Os dados tíranse dun inquérito realizado por The Guardian.

Salmond Darling
photo_camera Salmond e Darling


En xeral, a impresión é que Salmond soubo levar o debate ao terreno que máis lle interesaba, o das políticas sociais e moi nomeadamente o da defensa da sanidade pública, ameazada de privatización polos planos do goberno tory.

A vitoria de Salmond reforza as opcións do campo independentista no referendo de autodeterminación axendado para o 18 de setembro.

Nun momento determinado do duelo dialéctico, Darling viuse obrigado a dicer que el como político laborista non partilla os planos privatizadores de David Cameron, mais Salmond retrucoulle que o seu partido se aliou cos conservadores -fortemente contestados en Escocia- para facer parte da plataforma unionista Better Together.

A vitoria de Salmond reforza as opcións independentistas no referendo do 18 de setembro

O primeiro debate, realizado o 5 de Agosto, pivotara basicamente arredor da cuestión de se Escocia podería manterse ou non dentro da libra esterlina, e os inquéritos concederon a victoria a Darling. Daquela, o inquérito realizado por The Guardina dera a vitoria do portavoz de Better Together por 56% a 44%.

Os argumentos

Darling baseou a súa mensaxe en que Escocia pode gañar autogoberno en materia fiscal e de servizos sociais e ao tempo non perder a seguranza e estabilidade que, ao seu xuízo, lle confire a pertenza ao Reino Unido.

Salmond, por súa parte, defendeu que Escocia é unha nación próspera e que a independencia lle permitiría preservar aos seus cidadáns dos efeitos desastrosos decorrentes das políticas fiscais neoliberais, ao tempo que garantiría a desnuclearización do país.

Máis en Mundo
Comentarios