#SíSí, once meses para a dupla afirmación

O anuncio por parte do presidente da Generalitat Artur Mas da dupla pregunta e a data do referendo prendeu a mecha dos dous polos arredor da independencia catalá. Once meses de campaña comezaron xa para quen aposta nun trunfo claro do duplo si e, por outra banda, o españolismo, co goberno de Rajoy ao fronte botou a andar o camiño para impedir a realización do referendo.

Diada
photo_camera Diada

Fican once meses para o pobo catalán responder á dupla pregunta “Quere que Catalunya sexa un estado e “Quere que este estado sexa un estado independente?”, unha formulación que o xa histórico día 12 de decembro o presidente da Generalitat Artur Mas presentaba despois do acordo acadado entre CiU, ERC, ICV- EUIA e a CUP.

A sorpresa da convocatoria na que Mas compareceu con representantes de todas as forzas asinantes do acordo poría sobre a mesa tamén a data do referendo, o 9 de novembro, para o que quedan once meses dunha campaña que xa comezou, coa euforia por parte de quen aposta pola vía soberanista e coa contundencia belixerante de quen a nega, entre eles, o presidente do goberno español, Mariano Rajoy que se apurou a afirmar que o referendo non se chegará a celebrar. "Xurei cumprir e facer cumprir a Constitución e as leis, polo tanto garanto que ese referendo non se celebrará", dixo Rajoy. Con grandes posibilidades, a consulta irá ao Parlamento español, mais tamén aos tribunais.

“Sabemos que o que temos nas mans ten unha transcendencia histórica moi grande e de futuro moi importante. Tiñamos que estar á altura das circunstancias”, valorou Mas ao recoñecer tamén a “comprensión, xenerosidade , colaboración e sentido de país” de todas as formacións asinantes. Previsibelmente, desde o Parlament catalán pedirán a transferencia de competencias para realizar o referendo, unha vía en exceso complexa e con fracaso asegurado, e, ao tempo, levarán o mesmo texto ao Parlamento español, que poderá votalo arredor de marzo.

Para que a opción da independencia gañe o referendo, é preciso que o número de votos recibidos polo segundo SI supere a metade máis un dos depositados na primeira urna

O referendo hase de realizar despois de dúas votacións de relevancia política tamén para o seu resultado, as eleccións europeas e o referendo escocés. Sobre o reconto da votación non hai polo momento ningún regulamento mais todo parece indicar que para a proclamación da independencia precisaríase que o número de votos recibidos polo segundo si superase a metade máis un dos da primeira urna.

O #SiSi inundaba xa desde o anuncio de Mas as redes e, entre os milleiros de chíos que mostraban o entusiasmo pola convocatoria atopábase o do BNG no que felicitaban e transmitían o apoio e a solidariedade ao pobo catalán.

Contra a euforia, a rotundidade de Rajoy ao afirmar que o referendo non se ía realizar amparouse na do seu Ministro de Xustiza, a Alberto Ruíz Gallardón que despois do anuncio de Mas asegurou que non ía haber consulta ou Rubalcaba para quen Mas está a “levar a Catalunya a un calexón sen saída”. Na mesma liña o PSC a través do seu primeiro secretario Pere Navarro, criticou o acordo e insistiu en que “a única maneira de facer efectivo o dereito a decidir é un acordo entre os gobernos de Catalunya e España”.

Rajoy trunfa na prensa

A negativa de Rajoy pasou de seguido ás cabeceiras dos principais xornais españois, que optaron por primar as declaracións do presidente ao momento histórico protagonizado por Mas. Canda eles, medios internnacionais como a televisión británica BBC apostaron tamén en darlle destaque informativo ás declaracións do presidente español cun “España bloqueará o referendo catalán”, ben como o francés Libération que titula polo referendo para a independencia  e destaca que “España oponse ferozmente á independencia desta rexión, onde a poboación a reclama, en troca, cada vez máis”. Reuter e The New York Times recollen as dúas caras nos seus titulares: “Catalunya fixa a pregunta da independencia, España di que non o permitirá”. Pola súa banda, Associated Press sinala que “a Cataluña de España fixa a data do referendo de independencia” e afirma a seguir que o goberno español se apurou a dicir que non.

Para gañar a independencia

“Onze mesos per a guanyar un doble sí”, é a aposta do xornal independentista catalán Vilaweb no que o editorial do seu director Vicent Partal aposta en iniciar xa un traballo de concientización para o trunfo da independencia. “Serán once meses difíciles, mais once meses nos que teremos a obriga literal de baleirarnos. O traballo agora non é só dos políticos. É responsabilidade de todos conseguir a vitoria do si e do si. E desde ese momento Vilaweb  quere facer público, coa solemnidade que a hora reclama, o noso compromiso de traballar para que o referendo sexa un éxito para o pobo catalán e abra a porta á existencia do noso segundo estado independente, tras de Andorra”, sinala nun editorial escrito para un momento histórico.

“Unha independencia que non rompe a unidade” é o título do catalán Ara, quen salienta xa desde o inicio que a formulación da pregunta incluínte permite que “federalistas e confederalistas que non deron o paso sigan subidos ao carro do proceso soberanista”, en referencia aos líderes de Unió e ICV e a opción independentista que convenceu a ERC, a CUP e a ANC e tamén a CDC e ao propio presidente Artur Mas.

Desde Euskadi, Naiz titula “Os partidos catalanes dan un gran paso ao pactar data e pregunta” e Gara aposta por “Unha dupla pregunta encadeada e 11 meses para gañar a independencia”. Sortu e EA animan a iniciar a vía vasca e o PNV mostrou o seu respecto ao proceso catalán, segundo tamén recolleu Gara.

Máis en Mundo
Comentarios