Madrid di que o referendo non se fará porque non vai permitir que se realice "ningunha acción ilegal"

O bipartidismo español únese contra o referendo en Catalunya. O Goberno español, en mans do Partido Popular, e o Partido Socialista din que a consulta non se producirá. Ruíz Gallardón vai máis alá e di que o Executivo de Mariano Rajoy "garantirá" que o referendo non se produza.

rajoy_rubalcaba_pacto_bruselas_efe_130613
photo_camera [Imaxe: Moncloa]

Após facerse pública a data e preguntas do referendo de autodeterminación catalán, distintos representantes do PP e PSOE compareceron perante os medios de comunicación para valorar o acordo adoptado esta quinta feira entre CiU, ERC, ICV e a CUP. As forzas unionistas aseguraron desde Madrid que non permitirán a convocatoria da consulta popular porque, din, considérana "unha profunda irresponsabilidade" e unha "acción ilegal". 

Rubalcaba (PSOE): "O que [se] propuxo é un referendo de autodeterminación co que os socialistas non estamos de acordo"

Tanto o portavoz do PP no Congreso d@s deputad@s, Alfonso Alonso, como o líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, amosaron o seu total rexeitamento á convocatoria anunciada para o vindeiro 9 de novembro de 2014 e deixaron claro que o Estado español non permitirá o seu desenvolvemento.

O Goberno español di "garantir" que a consulta non se fará

Aliás, o ministro español de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, quen compareceu en sesión parlamentar para defender a reforma do Código penal aprobada polo goberno de Mariano Rajoy, dixo "garantir" que o referendo non terá lugar. Porén, non aclarou como impedirá o Estado español que a Generalitar convoque o referendo, se ben, a Constitución de 1978 recolle diversas posibilidades, entre elas, a intervención de Catalunya mesmo pola vía militar.

Gallardón (PP): "O Estado garante que a consulta non se celebrará"

"Non se vai producir ningunha consulta", insistiu Alfonso Alonso nos corredores do Parlamento, pois para o voceiro popular "[Artur] Mas é un representante do Estado en Catalunya" --se ben esa responsabilidade é a da Delegación do goberno e non a do President dunha nación histórica-- "e a súa función é cumprir coas leis". 

Pola súa banda, o líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba así como outras dirixentes destacadas do partido en Madrid, amosaron o seu apoio ao Partido Popular e rexeitaron a convocatoria da consulta por se tratar dun referendo de autodeterminación co que din non estar de acordo. 

Máis en Països Catalans
Comentarios