A pergunta finalmente serán dúas: "Quere que Catalunya sexa un Estado?" "Un Estado independente?"

O referendo catalán constará finalmente de dúas preguntas segundo o acordo alcanzado esta quinta feira por CiU, ERC, ICV e a CUP. O electorado deberá responder se quere que Catalunya sexa un Estado e, se for así, se quixer que este fose independente. A consulta será o 9 de novembro de 2014.

[Imaxe: VilaWeb]
photo_camera [Imaxe: VilaWeb]

Catalunya votará o vindeiro 9 de novembro de 2014 sobre o seu futuro. Así o acordaron CiU, ERC, CUP e ICV esta quinta feira. Após unha longa xuntanza, os portavoces das organizacións políticas que apoian o proceso soberanista e a convocatoria do referendo de auto-determinación decidiron que a consulta conste dunha dobre pregunta. 

Isto é, o electorado deberá decidir se "Quere que Catalunya sexa un Estado?" e, se así for, deberán responder a unha segunda formulación: "Quere que sexa un Estado independente?". 

As forzas independentistas e ICV defenden o dereito de Catalunya a decidir

O president da Generalitat, Artur Mas, e as portavocías de ERC, ICV e CUP defenderon que a pregunta dobre acordada --con matices-- pon fin ao Estado das autonomías, abre un "conflito democrático co Estado" e permitirá ao independentismo "conseguir unha vitoria". 

  • Oriol Junqueras (ERC): "A maioría da sociedade [catalá] quere votar sobre a independencia"

O president de ERC, Oriol Junqueras, amosou a súa satisfacción polo acordo adoptado esta quinta feira embora recoñecer que a pregunta "semella demasiado longa". O líder d@s republican@s asegurou que a pregunta "permite que a maioría independentista se mobilice para conseguir unha vitoria clara". Aliás afirmou agardar que "se gaña a indepencencia" todas "as outras formacións" unionistas "aceptarán tamén o resultado democrático" das urnas. 

  • Quim Arrufat (CUP): "Xa hai conta atrás para comezar un conflito democrático co Estado español"

O deputado da CUP, Quim Arrufat, valorou a pregunta acordada entre as forzas políticas e asegurou que a súa formación "acepta a proposta" mais que a someterá a consulta da sociedade civil. "É un paso importante ao que non se chegara nunca", salientou Arrufat acompañado de David Fernández, ao tempo que sinalou "xa hai conta atrás para comezar un conflito democrático co Estado español". Para a CUP, embora apoiaren, con matices, a pregunta traballarán pola independencia "como viñemos facendo até o de agora". Se ben, dixo, preferían que se tivese formulado coa clareza e sinxeleza do referendo de Escocia. 

  • Joan Herrera (ICV): "Rematou o Estado das autonomías"

Para portavoz de ICV no Parlament de Catalunya, Joan Herrera, a pregunta do referendo "permitirá sumar independentistas e federalistas". Neste senso, dixo, o inquérito permitirá "conseguir un si acaparador" e avanzou que a súa formación votará polo "Si á definición dun Estado" mais deixou a porta aberta a unha negociación a respeito da segunda cuestión. A da independencia. Herrera emprazou ao Goberno español a negociar unha "contra-proposta" que vise unha outra relación entre Catalunya e España mais que non necesariamente deveña nun Estado soberano para Catalunya. 

 
 

Máis en Països Catalans
Comentarios