Rajoy "reaparecerá" tras o Consello de Ministr@s

O presidente do goberno español dará unha conferencia de imprensa á saída do Consello de Ministr@s na que revisará o que vai de lexislatura. Asemade, esta quinta comparecerá publicamente acompañado polo primeiro ministro italiano, Mario Monti,
Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

O desaparecido, ese podería ser o alcume de Mariano Rajoy. Un presidente do goberno que malia desenvolver os maiores recortes e reformas da historia, non dá a cara. Negouse a desenvolver o debate no Congreso d@s Deputad@s a respecto dos meses de goberno, mais a vindeira sexta dará unha rolda de prensa. Asemade, esta quinta, o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, reunirase co primeiro ministro Mario Monti, nunha xornada marcada pola reunión do BCE na que podería aprobar unha compra de débeda española. 

Na xuntanza que manterán os presidentes das economías máis abafadas da eurozona --xunto cos países xa rescatados--, exixirán aos demais países o cumprimento dos acordos adoptados no último Consello Europeo polos que se creaba un supervisor bancario único e se activaba a posibilidade de flexibilizar o fondo de rescate para mercar débeda ás economías con problemas. Neste senso, o BCE podería actuar como acredor. 

Nestes meses marcados polos recortes, a política de axustes e a entrega sen cortapisas de cantidades inxentes de diñeiro aos bancos, non só non melloraron a situación económica española senón que a agravaron como amosan os últimos datos da EPA a respecto do número de persoas desempregadas. O presidente español, mantén o seu obxectivo de défice e mesmo o incorporou nunha directiva de Defensa como unha ameaza á "seguridade nacional" --segundo informaba un diario español--. Malia que as receitas impostas polos socios europeos e os organismos internacionais non funcionan, o goberno español seguirá pola "senda do axuste", cando menos, conta co apoio do FMI que recoñece, "inda que os recortes non están funcionando, España vai polo bo camiño". Ver para crer. 

Máis en Mundo
Comentarios