O Goberno español mudará a lei para evitar outra 'estafa das preferentes'

O titular de Economía adianta na sesión de control un cambio na lexislación, mais sen carácter retroactivo

O ministro de Economía, Luis De Guindos, adiantou que o Goberno español modificará a lei atentendo sempre ás disposicións de Bruxelas para evitar que se volvan colocar participacións preferentes de maneira irregular, como aconteceu coas ao redor de 43.000 persoas afectadas no caso de Novagalicia Banco. "Por desgraza, non terá carácter retroactivo", explicou, durante a súa intervención na sesión de control. Non deu máis detalles.

Pola súa banda, o presidente do goberno, Mariano Rajoy, defendeu a súa escolla da vía "máis dura e difícil" para saír da crise, argumento que reitera á hora de explicar o último paquete de recortes polo que esta cuarta lle preguntaron os partidos da oposición. Dixo o titular do Executivo central que coas medidas adoptadas o estado creará emprego e superará a débeda pública.

Os argumentos non convenceron nas filas da oposición. Cayo Lara --Esquerda Plural--, Alfredo Pérez Rubalcaba --PSOE-- e Josep Antoni Durán i Lleida --CiU-- foron os encargados de interrogar a Rajoy sobre os recortes, pois o presidente español respondeu unicamente tres preguntas. Así, Cayo Lara, abriu a sesión preguntando polos postos de traballo que estima que se crearán até finais de 2013 cun axuste fiscal de 65.000 millóns de euros en dous anos e medio, convencido de que "probábelmente destruirán 200.000 empregos". Acusou a Rajoy de "parir e aplicar a lei do embudo", usando a parte ancha "cos defraudadores" e a máis estreita cos sectores máis vulnerábeis da sociedade.

Pola súa banda, o líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, pediu que Rajoy detalle os efectos que ten o axuste sobre a economía do estado. "Está a acabar coa rede social dos cidadáns", reprochou, e recomendoulle que, "polo menos", non pase a tesoura polas prestacións das persoas desempregadas "xa que non é quen de crear postos de traballo". Segundo o publicado no BOE do sábado, quen queira percibir a Renda Mínima de Inserción terá que ter traballado --de xeito remunerado-- previamente.

Mentres, o voceiro de CiU, Josep Antoni Durán i Lleida, solicitou unha valoración das medidas, entre as que se inclúen as subas do IVE. Botou en cara ao Goberno español non querer partillar cos territorios "os novos ingresos" que chegarán ao subiren o imposto. Preguntou tamén Durán i Lleida polo recorte na prestación por desemprego a supresión da paga extra de decembro para os funcionarios. 

Extra de decembro para o persoal público que cobre menos de 962€
Respecto desta última medida, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, recuperou onte as disposicións publicadas no BOE --Boletín Oficial do Estado-- e matizou que non todo o persoal público perderá a extra. Aquelas persoas que traballen para calquera administración pública que cobren menos de 962 euros ao mes percibirán a paga.

Na sesión de control ao Goberno no Senado, Montoro sinalou que esta cantidade representa 1,5 veces o Salario Mínimo Interprofesional (641,4 euros).
Segundo o ministro, o número de funcionarios do conxunto das Administracións Públicas que cobrará a paga de decembro sitúase entre 10.000 e 15.000, aínda que precisou que se trata dunha "primeira estimación" á espera de contar co dato exacto dos beneficiarios nas administracións local e autonómica.

Galiza: o BNG pide referendo
O candidato nacionalista á Xunta de Galiza e a voceira parlamentar do BNG, Francisco Jorquera e Ana Pontón, apresentaron nestes días senllas iniciativas encamiñadas a submeter as medidas aprobadas polo goberno español a referendo. Desde o BNG denuncian que as políticas desenvolvidas polo Partido Popular, procuran “máis centralismo e menos democracia” polo que exixen “a cidadanía debe tomar a palabra”.

Baixo o pano do “inevitábel” o goberno de Rajoy vén de aprobar a pasada semana, máis un paquete de medidas que se suman aos recortes levados a cabo ao longo destes meses de lexislatura. Para Jorquera, a política de recortes promovida “só provoca máis crise, máis recesión e máis paro”, polo que exixíu ao goberno español pór fin á burbulla da débeda.

Máis en Mundo
Comentarios