PP e PSOE negocian unha reforma da Coroa

En plena crise institucional PP e PSOE promoverán mudanzas normativas que melloren a percepción da Casa do rei entre a cidadanía e blinden a pervivencia da mesma. 

Pérez Rubalcaba e Rajoy en Moncloa
photo_camera PP e PSOE estarían a negociar a blindaxe legal da sucesión nunha Lei de abdicación

Para alén da incorporación da Casa do rei á Lei de transparencia --como foi anunciado polo Goberno de Mariano Rajoy após a imputación de Cristina de Borbón-- populares e socialistas artellan mudanzas lexislativas que limiten a inmunidade d@s membros da institución, unha das cuestións máis controvertidas nos últimos días logo de se coñeceren os casos de corrupción en que se viron implicad@s o xenro e filla de Juan Carlos I, mais tamén a propia figura do monarca. Neste senso, socialistas e populares conincidirían en impedir que o sucesor do rei goce da irresponsabilidade do monarca, porén a súa figura estaría protexida xudicialmente a través da figura do aforado. Así, e ao igual que acontece c@s deputad@s este só podería ser xulgado polo Tribunal Supremo. 

Desde o PSOE recoñecen estar a traballar nunha "regulación máis precisa" que lle outorgue "unha maior protección xurídica" á institución monárquica naqueles casos en que --como aconteceu nos últimos meses-- o príncipe teña que asumir a axenda do rei por ausencia temporal deste.

Están a preparar unha posíbel abdicación do monarca? 

O deputado socialista Ramón Jáuregui asegurou nos últimos días que "hai tarefas pendentes na axenda reformista" que desde o PSOE cren preciso abordar, porén, matizou o parlamentar "sen necesidade de alterar o marco xurídico-político nin o modelo de Estado actual" que considerou "funciona ben". 

A introdución de mudanzas lexislativas arredor da monarquía española suporía un lavado de cara para a institución nun dos momentos en que a Casa do rei goza de menos apoios. No entanto, desde o PSOE deixan claro que non se está a artellar unha modificación constitucional que apunte cara ao fin da insititución, senón máis ben o contrario, que a blinde e garanta a súa pervivencia para alén de Juan Carlos I. 

Após 35 anos da Restauración borbónica, os dous partidos maioritarios --que durante décadas se alternaron no poder-- poderían estar a negociar mesmo unha lei de abdicación que garanta o traspaso de poder entre o rei e o príncipe coa seguridade xurídica suficiente como para non dar cabida a ningunha dúbida. Habida conta que a Constitución española fixa no artigo 57.5 a necesidade de se aprobaren por lei orgánica "as abdicacións e renuncias" na Casa do rei. 

O pacto PP-PSOE garantiría a maioría suficiente para que este procedemento lexislativo se desenvolvese pola vía de urxencia e leitura única sen necesidade de abrir o debate arredor do actual marco xurídico-político e o modelo de Estado centralista cuxa cúspide é, a monarquía. Pois, para socilistas e populares este "funciona ben". 

Máis en Mundo
Comentarios