O nacionalismo escocés dá o estirón malia non acadar a independencia

O SNP mantén altas as expectativas após perder o referendo e busca agora recambio para Salmond e fórmulas para converter en votos ao seu favor o 45% independentista, o que suporía duplicar apoios. Incrementou afiliación nun trinta por cento.

Rally independence Escocia
photo_camera Rally independence Escocia

Obvio resulta que non foi o resultado que desexaba, xa que Escocia seguirá pertencendo ao Reino Unido. Pero os centos de milleiros de votos que avalaron as teses independentistas e o máis que digno apoio de case o 45 por cento do electorado está a elevar a moral do nacionalismo escocés e moi concretamente da súa principal forza, o SNP, gobernante a nivel autonómico e que agarda reforzar as súas posicións en maio de 2015, nas eleccións lexislativas.

O SNP aumentou nun 30 por cento a súa masa militante durante a longa campaña

Aspira o SNP a pasar do escaso 20% que obtivo en 2010 a achegarse a ese 45% por cento arredista o próximo ano, en definitiva, quere duplicar votos e, polo tanto, aumentar o seu poder. Porque aínda que non existe o horizonte dun novo referendo a curto prazo, a medio-longo a posíbel independencia segue sobre a mesa, sobre todo logo da constatación de que @s moz@s apóiana de xeito masivo.

Hai outros datos que falan a prol do crecemento do nacionalismo escocés a pesar do triunfo do Non. O SNP, que no eixo social móvese en posicións de esquerda moderada, sumou unha enorme masa militante durante a longa campaña do referendo. 10.000 persoas sumáronse ás súas filas, o que significa multiplicar a masa propia da formación nun 30 por cento.

O nacionalismo escocés teme que as promesas de Cameron de maior autogoberno fiquen en nada

Na actualidade, após a dimisión de Alex Salmond, moitos ollos están postos sobre a persoa que sexa quen o substitúa á fronte do SNP e tamén do Goberno escocés. A principal favorita é Nicola Sturgeon, viceministra e considerada sempre a súa man dereita. Pero antes, a expectación tamén está en saber se o goberno británico de Cameron cumprirá coas súas promesas de maior autogoberno para Escocia, que para moit@s expertos resultaron decisivas na vitoria unionista, ao atraer a unha especie de sentimento federalista. O propio Salmond xa se amosou escéptico ante a posibilidade de que todo o afirmado desde Downing Street fique nunha argucia electoral.

Namentres, Gales e Irlanda do Norte queren abrir os seus propios procesos. Hai moito partido territorial aínda por xogar no Reino Unido.

Máis en Mundo
Comentarios