A mocidade paraguaia relanza a loita campesiña contra os terratenentes

Case un millón de persoas foron expulsadas das súas terras en Paraguai, máis da metade xóvenes menores de 30 anos

Matanza en Curuguaty, Paraguai
photo_camera Matanza en Curuguaty, Paraguai

Unha longa historia de acaparamento. Un país onde a metade da riqueza provén da agricultura. Onde menos do 2% da poboación repártese máis do 80% das terras, un dos maiores porcentaxes do mundo. Onde as oligarquías económicas, herdeiras da dictadura, impoñen o seu poder contra o pobo. Onde a protesta de 200 familias contra unha multinacional relanzou a loita campesiña en Paraguai.

A eterna inxustiza agravouse na última década. Case un millón de persoas foron expulsadas das súas terras, máis da metade xóvenes menores de 30 anos. A irrupción da industria agroalimentaria da soia obrigou a moit@s a deixar as súas terras, afectadas pola toxicidade da fumigación, e emigrar á capital Asunción. Alí malviven na periferia, sen acceso aos servicios básicos, e sen o seu único sustento, o campo.

O cultivo de soia convertiuse na principal forza económica do país, que ocupa 15 millóns de hectáreas, o 92% da superficie cultivable. A maioría en mans de transnacionais que producen alimento para 70 millóns de persoas, mentres 1,3 millóns pasan fame en Paraguai, segundo datos de Intermón Oxfam.

A dictadura deixou en mans de militares e empresarios afíns ao réxime miles de hectáreas de terras destinadas a familias de agricultores pobres.

A ONG ven de lanzar a campaña ‘Xóvenes sen terra = Terra sen futuro’ para denunciar a realidade de Curuguaty, a rexión onde a loita campesiña mantense forte contra os intereses da oligarquía. A dictadura de Alfredo Stroessner, entre 1954 e 1989, deixou en mans de militares e empresarios afíns ao réxime (a “triloxía” do seu poder) miles de hectáreas de terras destinadas a familias de agricultores pobres.

Entre eles, o finado Blas Riquelme, empresario e político da dereita, que apropiouse de 2.000 hectáreas no Curuguaty. Cando o Goberno paraguaio aprobou o reparto destas terras, donadas ao Estado en 1967, a empresa de Riquelme, Campos Morumbí S.A, conseguiu facerse coa propiedade do terreo, nun claro exemplo de corrupción, o que levou ás familias campesiñas a ocupar o que traballarán durante décadas.

Unha das ocupacións acabou na coñecida xa como ‘masacre do Curuguaty’.  As forzas de seguridade desaloxaron a finca con violencia, deixando 11 campesiños mortos e seis policías, situación que serviu ás forzas conservadoras para impulsar a destitución do presidente Fernando Lugo. O único que gobernará o país co reparto das terras como principal prioridade.

Polos feitos decenas de campesiñ@s están a esperar a súa sentenza. Logo de meses de encarceramento e folgas de fama, conseguiron hoxe estar baixo arresto domiciliario. Mais as terra seguen en mans dos terratenentes, entre os que se encontra o recén elixido presidente, Horacio Cartes. Un empresario chegado a política, acusado de corrupción, e que se enriqueceu coa mesma industria que hoxe expolia a agricultura paraguaia.

Máis en Mundo
Comentarios