CRÓNICAS DESDE EDIMBURGO

As cartas caledonias (II): Scotland the brave

Desde Escocia chega a segunda das "cartas caledonias" do noso colaborador Xoán Antón Pérez Lema mentras transcorre a xornada electoral. 

20140917_105226 (1)
photo_camera Foto: Pilar Fernández

A campaña do YES SCOTLAND, que promove o voto a prol da independencia, gañou indubidabelmente na rúa. Onte nos Meadows, a carón da Universidade de Edinburgh, xuntaron varios milleiros en poucas horas de xeito espontáneo, a medio das redes sociais. Desta volta quixeron amosar o apoio doutros países á decisión escocesa e falaron representantes de Galicia, Euskadi, Catalunya, Gales, Bretaña, Quebec, Nova Guiné-Papúa, Francia, Polonia, Alemania e Cachemira. Partillou xente de toda caste, con elevada participación de mozos, mulleres e residentes de orixe non escocesa. A festa espontánea rematou en Holyrood, diante do Parlamento escocés, coa rúa principal da cidade vella (a Royal Mile) totalmente ateigada de xente e grande ambiente de festa.

"A campaña do YES SCOTLAND, que promove o voto a prol da independencia, gañou indubidabelmente na rúa".

Poderíase dicir que o first minister Salmond e a viceprimeira ministra Nicola Stugeon xa gañaron, pois que foron quen de chegar a hoxe con este grao de incerteza e porque obtiveron xa unha substancial ampliación do autogoberno escocés mesmo no suposto do voto negativo, como xa ofreceron Miliband, Cameron e Nick Clegg no nome dos tres principais partidos británicos. Mais quizais as cousas non sexan tan doadas. Esta ampliación da devolution non lle permitiría a Escocia administrar o petróleo do Mar do Norte (e os xacementos inexplorados da costa oeste, verdadeira chave do futuro da economía escocesa). Por outra banda, é sabido que na política non existen as derrotas doces. Unha derrota pola mínima do YES adiaría doce ou quince anos a convocatoria doutro referéndum e podería xerar certa frustración na cidadanía. De calquera xeito, a popularidade de Salmond e Stugeon non semella discutíbel, malia certas prevencións a respecto do primeiro por parte das bases laboristas.

"A chave desta consulta son os tradicionais votantes do Labour Party, fondamente decepcionados coa terceira vía dos antigos prime ministers Tony Blair e o escocés Gordon Brown"

Porque, precisamente, a chave desta consulta son os tradicionais votantes do Labour Party, fondamente decepcionados coa terceira vía dos antigos prime ministers Tony Blair e o escocés Gordon Brown, voceiro da campaña unionista Better Together. Máis dunha terceira parte recoñecen que votarán afirmativamente e fontes oficiosas do SNP recoñecen que se esta porcentaxe acadara o 40% o YES podería gañar. Moitos destes milleiros de escoceses laboristas ollan con certa desconfianza para Salmond e o SNP, por non partillar a visión nacionalista nin, ao cento por cento, as súas fórmulas económicas de centroesquerda (moi alicerzadas nas políticas sociais, mais tamén na promoción da empresa privada). Mais acreditan que a independencia daralle oportunidade aos socialistas escoceses de refacer un espazo laborista que sexa quén de lle disputar, a medio prazo, a hexemonía política aos nacionalistas.

De calquera xeito, miñas donas e meus señores, a resposta terémola mañá, venres, ben cediño. Mentres, unha longa noite de escrutinio, xa que todos os votos do país contaranse nun único Centro, condado a condado, rematando polas áreas máis poboadas.
   

Máis en Mundo
Comentarios