''É raro que unha muller fique embarazada após unha violación lexítima, pois o seu corpo posúe mecanismos para se fechar de todo''

Un candidato a senador nos EUA abre un debate vetado, o do aborto, após banalizar sobre a violación e o sufrimento que esta supón para as mulleres. A súa pseudoteoría foi contestada polo feminismo, chamando a evitar nas urnas que quen xulga o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos non obteña representación nas eleccións

"É realmente pouco común que unha muller fique embarazada após unha violación lexítima, porque o seu corpo ten mecanismos para pecharse de todo". Tan pouco afortunadas palabras nun país onde hai máis de 32.000 embarazos por violacións cada ano saíron da boca dun congresista republicano, Todd Akin, asociado ao Tea Party e candidato nas eleccións de novembro a un escano no Senado dos EUA.

Nunha entrevista concedida a unha canle de televisión local, Akin deixou moi clara a súa postura contra o dereito ao aborto, tamén nos casos en que a muller fose violada, matizando que, segundo as súas teorías, cando fomos forzadas a manter relacións sexuais é moi complexo que fiquemos embarazadas porque o noso corpo é quen de evitar a xestación.

O movemento feminista xa respondeu, chamando a evitar que polític@s coas mesmas ideas antiabortistas que Akin obteñan representación após os comicios. Din no Pro-Choice America que @s candidat@s que se atreven a xulgar sobre as decisións que afectan á vida e á saúde das mulleres non merecen representar o pobo, e fan especial fincapé na persoa que pronunciou tales palabras, un congresista que se postula para ocupar un asento no Senado. "Por iso as eleccións son importantes", subliñan desde a organización feminista.

Para alén das mulleres, a pelota lanzada por Akin foi moi ben recollida polo Partido Demócrata. Mentres a súa rival, a senadora Claire McCaskill lle espetou que "vai máis aló da miña comprensión que alguén poida ser tan ignorante acerca do trauma emocional e físico que supón unha violación", o presidente Barack Obama considerou que as palabras deste congresista "non son o verdadeiro problema".

"O verdadeiro problema é o Partido Republicano de Mitt Romney, cuxas políticas sobre as mulleres e a súa saúde están perigosamente trabucadas". Nunha rolda de prensa na Casa Branca, Obama cualificou de "insulto" as pseudoteorías de Akin, e engadiu que son unha proba de que "as decisións sobre a saúde das mulleres non as debesen tomar un grupo de políticos, na súa maioría homes".

O aborto era o debate que pretendían evitar na campaña das presidenciais estadounidenses, mais após a entrevista a Akin até Romney, o líder d@s republican@s, saíu ao paso da chuvia de críticas para descualificar as palabras do seu compañeiro de partido e comprometerse a non prohibir a IVE --interrución voluntaria do embarazo-- nos casos de violación. Mais o seu número dous, Paul Rayan, partilla as mesmas ideas contra os dereitos das mulleres que Akin defende, alén de ser un dos principais impulsores dunha lei que impedise ás mulleres decidir sobre o seu corpo tamén cando foron violadas.

Máis en Mundo
Comentarios