A Deputación de Pontevedra crea o arquivo 'Fondo Reboiras, o legado do mártir'

‘Cae de Caixón’ é un programa de captación e recompilación de fondos privados (imaxes, cartas e documentos) que poidan ter interese para a poboación pola súa relación co golpe de Estado de 1936, co tempo inmediatamente anterior ao golpe, ou co propio período da ditadura. 
Moncho Reboiras, Xosé Ramón Lema, Ovidio Álvarez, Darío Xohán Cabana, diante da casa de Rosalía de Castro, en Padrón, en 1970. (Foto: Manuel Reboiras Noia)
photo_camera Moncho Reboiras, Xosé Ramón Lema, Ovidio Álvarez, Darío Xohán Cabana, diante da casa de Rosalía de Castro, en Padrón, en 1970. (Foto: Manuel Reboiras Noia)

A Deputación de Pontevedra vén de incluír o arquivo ‘Fondo Reboiras, o legado do mártir’ no programa ‘Cae de Caixón’, do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico que se creou o ano pasado.

O arquivo que se acaba de incluír no programa é un conxunto de documentos sobre Moncho Reboiras que cedeu o seu irmán, Manuel Reboiras, á Deputación. Mocho Reboiras, dirixente político galego da UPG, foi asesinado a mans da policía no verán do 1975, con só 25 anos.

Despois do golpe de estado do 1936 rexorde na Galiza un novo nacionalismo galego que quedara asolagado polo golpe de Estado e reprimido durante o franquismo. O Fondo Reboiras ofrece documentación desta época, concretamente, entre os anos 1964 e 1983, pero tamén sobre a historia da nosa lingua, sobre os Estatutos, a nosa sociolingüística e tema que aínda seguen vixentes como Ence na ría de Pontevedra.

O programa

‘Cae de Caixón’ é un programa de captación e recompilación de fondos privados (imaxes, cartas e documentos) que poidan ter interese para a poboación pola súa relación co golpe de Estado de 1936, co tempo inmediatamente anterior ao golpe, ou co propio período da ditadura. 

Deste modo, a Institución pretende incorporar o material recadado ao Arquivo da Deputación, e, de maneira pública, difundir a memoria tanto á sociedade, como ao persoal investigador.

‘Cae de Caixón’ naceu da confluencia de dúas vontades: a da propia Deputación, que "quere nutrir o Arquivo co maior número de material relacionado coa memoria que sexa posíbel", e a da veciñanza, "que moitas veces é consciente de que ten na casa material de interese para a investigación da memoria histórica, pero non sabe como canalizalo".

Comentarios