A 'Xeración Nós' está de regreso en Pontevedra

"Non se entende a ‘Xeración Nós’ sen espazos desta cidade", afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na inauguración da mostra 'Galiza, de Nós a nós' que estará aberta até o 11 de xullo no edificio Castelao do Museo provincial.

Un momento da inauguración da mostra. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Un momento da inauguración da mostra. (Foto: Deputación de Pontevedra)

A mostra itinerante 'Galiza, de Nós a nós', en homenaxe á Xeración Nós chegou hoxe a Pontevedra, cidade na que fechará a súa xira. Na inauguración da exposición, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xa avisou de que hai estreitas ligazóns entre Pontevedra e o colectivo de intelectuais coas súas palabras.

“O Museo de Pontevedra e a cidade do Lérez tiñan que ser un dos escenarios da mostra porque non se entende a Xeración Nós sen espazos desta cidade como o Café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, sementaron o seu xerme”, afirmou.

Un xerme que implicou un cambio, unha revolución, no futuro -agora xa pasado, aínda que o seu traballo segue vivo- da Galiza dándolle un maior valor “ao seu legado na cultura e identidade galegas”.

A exposición está composta por máis de 300 pezas, no que en palabras de Silva implica que sexa unha das máis completas sobre este “nutrido grupo de mulleres e homes que contribuíron como nunca antes se fixera ao impulso e expansión da lingua, da identidade e da cultura galegas”.

Máis de 300 pezas de 64 propietarias

O conxunto chegou a través de 64 entidades privadas e propietarios particulares e orixinouse coa idea de aglutinar e reforzar “unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais”. Así é a explicación do xerme desta iniciativa comisariada por Ana Acuña Traballo e Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e impulsada pola Deputación pontevedresa en conxunto coa de Ourense e a Xunta da Galiza.

Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e Cabanillas van ser guías da exposición, pero tamén hai certo protagonismo das mulleres da Xeración Nós, algo que quixo subliñar a Deputación.

O papel das mulleres

Sobre elas, Silva destacou que foron protagonistas “daquela revolución cultural de principios do século XX da que segue a beber un século despois o noso pensamento e coñecemento”. Falou, en concreto, de Margot Sponer, Annie MacSwiney e Francisca Herrera, “mulleres moi potentes, que contribuíron co seu talento e activismo ao progreso daquela xeración e a situar á cultura galega na vangarda internacional”.

Pola súa banda, o vicepresidente da institución, o nacionalista César Mosquera Alonso, comentou que medio cento de pezas foron fornecidas polo propio Museo pontevedrés, pois sen elementos “tan singulares” a mostra estaría “orfa”.

Máis de 22.000 visitas

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu a colaboración “que se concreta en que unha das cidades clave no devir de Nós, como é Pontevedra, acolla esta ambiciosa e completa mostra, unha das tres grandes exposicións da Xunta no marco do Xacobeo 21-22 que xa foi visitada por 22.000 persoas en Compostela e Ourense".

Na súa intervención, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, louvou o lugar elixido para “amosar o legado artístico e cultural que a Xeración Nós lle deixou en herdanza a este país, unha herdanza que se basea na autoafirmacón da identidade galega e na confianza en nós mesmos como pobo”.

A Pontevedra "sucesora"

A actual Pontevedra vangardista e de referencia, a Pontevedra recoñecida e galardoada en foros internacionais, é sucesora desa filosofía de construír Galiza desde si mesma, para desenvolvernos no mundo e aspirar a un futuro mellor”, presumiu.

Por último, o director do espazo expositivo, Xosé Manuel Rei, advertiu de que, a nivel xeral, o Museo de Pontevedra “é un espazo imprescindíbel para entender, cen anos despois, o lúcido relato construído polos seus diferentes colaboradores en torno á identidade do país, que se asenta sobre un profundo amor á terra, á súa cultura e ás súas xentes”.

A mostra estará aberta ao público no Museo provincial, no Edificio Castelao, até o 11 de xullo. O horario para visitar esta parte do legado da Galiza é de terzas a sábado de 10 a 21 horas e domingos e festivos, de 11 a 14 horas.

Comentarios