Opinión

Nós e Nós

Ademais da primeira persoa de plural “nós” é, segundo a RAG “Lazo que se fai cun ou varios obxectos flexibles e que se aperta tirando dos dous cabos de maneira que sexa difícil de soltar por si só”. Traballar hoxe na herdanza da Xeración Nós é revisar os dous conceptos: que tipo de colectividade queremos construír e a través de que lazos ou vínculos.

Sen dúbida, o elemento máis poderoso de lazo e comunidade que pide revisión despois de cen anos é o silenciamento das mulleres que, igual que estamos agora, daquelas tecían comunidade crítica. En Galicia fica claro que o problema non é de presenza, senón de historiografía. Non precisamos a condescendencia dos señores, igual que tampouco a precisaban todas as mulleres das Irmandades da Fala. Precisamos que se recoñeza o noso legado e que se examinen de xeito crítico os silencios.

A presenza das mulleres, das persoas LGBTI, de compañeiras racializadas na construción nacional é un proxecto urxente que busca ampliar un nós de raíces poderosas nun contexto de brutal globalización e desfeita do común. Tamén, nas nosas alianzas como pobo, que deben superar visións patriarcais e racistas para revisar o noso discurso colonial e poder así establecer lazos transformadores coas nosas Outras.

Ao final, o nós e os nós seguen partindo do máis básico, a lingua, nun momento inverso ao que se tecía hai cen anos: daquelas había un país galegofalante sen un sistema cultural que dignificase e ampliase a súa diversidade e saberes. Pola contra, hoxe contamos cun sistema cultural establecido e de innegable calidade, pero cunha lingua que esmorece por agresión constante con medios moito máis poderosos, pero que parten das mesmas bases sociolingüísticas.

É aí onde o traballo de ano(s)ar se fai máis urxente, man a man cos clubs de lectura, bibliotecas, librarías do libro galego e activistas en xeral. Establecemos lazos mestos, coma a Xeración Nós, sen agardar polo poder para tomar a palabra.

Onte coma hoxe a nosa tarefa é seguir traballando nos actos de cada día, en cada palabra que botamos no espazo público para que, fronte as tesoiras enormes doutros, os nosos nós se manteñan fortes, diversos e amplos para cumprir o que segundo a feminista decolonial Rita Laura Segato define a un pobo, que non é “un patrimonio cultural estable, de contidos fixos, senón a autopercepción de compartir unha historia común que vén dun pasado e que se dirixe cara a un futuro”.

Comentarios