venres 30/10/20

Libros e pintura na homenaxe do Museo do Pobo á Xeración Nós

A exposición organizada pola artista Isabel Pintado poderase visitar entre o 15 de outubro e o 6 de decembro.
B. A xeración Nós. IV Asemblea Irmandades Fala
B. A xeración Nós. IV Asemblea Irmandades Fala

Pintura e letras únense na mostra Mar de Libros, unha homenaxe á Xeración Nós da man de Isabel Pintado no Museo do Pobo Galego. Esta quinta feira, ás 19 horas, terá lugar a inauguración da mostra cunha capacidade reducida de vinte persoas de entre o padroado e amizades da institución. A exposición permanecerá aberta ao público desde hoxe e até o 6 de decembro.

A exposición concede un protagonismo especial á pintura, cunha selección de pezas que poñen o foco no libro. Os cadros foron seleccionados por Isabel Pintado dos seus propios fondos e mais de coleccións particulares da Galiza, Madrid ou do veciño Portugal.

Unha intervención en distintos libros formará parte da mostra. As intervencións construíronse como unha sorte de diálogo entre a escrita das obras e a pintura por parte da artista, transformando cada publicación nunha peza artística senlleira. Por último, os libros de artista, exemplares únicos que gardan unha conexión con algunhas obras intervidas, completan esta mostra homenaxe.

Patrocinada pola Xunta da Galiza ao abeiro das actividades programadas polo Xacobeo 2021, Mar de Libros busca salientar a riqueza cultural, artística e intelectual que supuxo para Galiza e mais a nivel internacional a xeración Nós.

A responsábel da mostra, Isabel Pintado Palacio, licenciouse en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e reside na Galiza desde 1991. Foi profesora de Debuxo no INB Gregorio Marañón de Madrid, de Expresión Gráfica no Centro Español de Novas Profesións e de Talleres de Arte na Escola Ocupacional da Universidade da Coruña e impartiu cursos en diferentes universidades, ademais de obradoiros. 

comentarios