Medalla do Parlamento á Xeración das Irmandades

Foron a "semente da autonomía política de Galiza", sinala o Parlamento.

Pleno no Parlamento de Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento)
photo_camera Pleno no Parlamento de Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento)

O Parlamento de Galiza entrega esta terza feira, 6 de abril, a súa medalla á Xeración das Irmandades, personificada en catro fundacións que “dan continuidade á memoria e ao labor dos galeguistas que a integraron” sinalan, son as fundacións Otero Pedrayo, Castelao, Antón Losada Diéguez e Vicente Risco.

O acordo unánime da Mesa do Parlamento considera que “a autonomía política da Galiza actual é tributaria da semente depositada pola Xeración das Irmandades”.

O Parlamento recoñeceu a hora de conceder a Medalla do Parlamento 2021 a figuras como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso R. Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo, Xavier Prado “Lameiro”, Ánxel Casal ou Ramón Cabanillas, ao igual que as case 200 persoas do movemento nacionalista que colaboraron nas diferentes etapas da revista Nós, que cumpriu 100 anos da súa primeira edición o pasado outubro.

As persoas homenaxeadas “conformaron un conxunto de persoas cosmopolitas, europeístas, cultas e vangardistas, mais fondamente enraizadas na realidade local” afirma a Mesa do Parlamento na concesión do premio, sinalando o papel fulcral da Xeración das irmandades para dar un paso adiante na reivindicación dos dereitos nacionais de Galiza.

“Froito do esforzo e compromiso” da Xeración das Irmandades, indica o Parlamento, chegou o Estatuto de Autonomía de Galiza vixente, “herdeiro e continuador do truncado Estatuto de 1936”.

No comunicado do Parlamento, sitúan o final do seu proxecto no “golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galicia territorial e na emigración”.

Porén, no texto omítese o acontecido coas persoas que conformaron a Xeración das Irmandades e que foron represaliadas despois do golpe de Estado polo seu compromiso político na defensa de Galiza.

Ánxel Casal foi asasinado polas tropas de Franco en Cacheiras (Teo). A Castelao espoliáronlle os seus bens e obrigárono a morrer no exilio; Otero Pedrayo foi despoxado da súa cátedra no Instituto de Ourense e Florentino López Cuevillas foi forzado a purgar o seu expediente de responsabilidades políticas.

Comentarios