Un lago sobre lignito

Screen Shot 2018-04-27 at 18.35.05
photo_camera Máquinas da antiga mina ao pé do lago

Onde hoxe hai un lago, non hai moito había unha explotación de lignito a ceo aberto. Mais como era antes de 1946 a paisaxe das Pontes? Cóntanolo Guillermo Shulz, enxeñeiro de minas alemán, afincado durante varias décadas en Ribadeo e que entre marzo e agosto de 1833 anotou, nun caderno de campo, as súas impresións sobre a xeoloxía e as posibilidades mineiras de boa parte da Galiza.

Na madrugada do sábado 20 de abril dese ano, despois de pagar a conta “moi alta” na pousada da Aurora, Rúa Real, sae da Coruña para se dirixir ás Pontes de García Rodríguez. Pasa moi cedo por Xuvia e describe as beiras do río: “aparece granito e gneis”. Sobre tal firme “está a magnifica fábrica de pranchas e moeda” 

A Real Casa da Moeda de Xuvia, situada en Neda, foi unha ceca que fabricou moeda de cobre entre 1812 e 1868. Construíuse xunto coa Presa do Rei ás beiras do río Grande de Xuvia. Estableceuse por orde de 1790 no lugar de Xuvia, parroquia de Santa María de Neda, co nome de Fábrica Nacional de Cobrería, como fundición de cobre coa finalidade de forrar os barcos construídos no estaleiro de Ferrol, mais non comezou a produción até 1803.

Guillerme Schulz, enxeñeiro de minas alemán, cóntanos a través dun caderno de campo como era a paisaxe das Pontes antes de se comezar a explotar o lignito

Shulz lamenta, nesa madrugada de 20 de abril, non poder ver os fornos reverberantes da fábrica de pranchas e moeda porque “todos os empregados estaban aínda durmindo” mais, con todo, cualifica o conxunto de espléndido. Continúa camiño e fica asombrado do “selvático” e “asperísimo” terreo da parroquia de Espiñaredo, e da cor verdosa das lousas, até que a paisaxe muda completamente para ver só “terra negra e barro gris claro cuberto de cantos angulosos de cuarzo”.

Perto das Pontes, “como a dous tiros de fusil” máis abaixo das casas de Espiñaredo, onde o río dá unha volta, a beira occidental é moi pendente e sen vexetación, hai un corte natural de máis de 30 varas de altura e nese corte móstranse unha grande cantidade de capas horizontais de lignito, alternando con capas de arxila. Capas de fermoso carbón -escribe- con estrutura visíbel de madeira, e vara e media de espesor cada capa, que continúan por debaixo do leito do río. 

Aquel día pousou nas Pontes, na casa de Inés Corral, “que é bastante capaz e boa” non sen antes enviar un recado a Antonio Sánchez, descubridor en anos pasados de minerais perto da vila. Mais aquel día non estaba na súa casa. Conclúe o informe afirmando que “hai unha inmensidade de lignito” que se pode extraer a ceo aberto. 

E así foi. 260 millóns de toneladas de lignito máis tarde e 190.000 GWh de enerxía eléctrica producida deixan paso a 15 km2 de auga.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios