'30 castelos para descubrir un reino'

As Torres do Allo (Zas), o primeiro pazo galego?

A mansión señorial denominada as Torres do Allo está considerada o primeiro pazo galego, pois na súa primeira etapa foi construída na última década do S. XV e na primeira do XVI, unha vez que os Reis Católicos lles prohibiran aos noutrora belicosos e rebeldes nobres galegos a construción de castelos ou fortalezas de tipo defensivo; a última deste tipo na Terra de Soneira debeu ser a reconstrución en 1472 do castelo de Vimianzo por Alonso de Fonseca II, arcebispo de Santiago, que non tardou en pasar a Lopo Sánchez de Moscoso, primeiro conde de Altamira.
Torres do Allo. (Foto: X. M. Lema)
photo_camera Torres do Allo. (Foto: X. M. Lema)

A parroquia do Allo é, xunto coa de Baio, a máis setentrional do concello de Zas. Compóñena os lugares do Allo, Casas Novas, A Cebola de Abaixo, A Cebola de Arriba, Muriño, O Pombal, O Regueiro do Allo, Os Muíños do Allo, Regalados e Xerne; O Curro está hoxe deshabitado. Conta na actualidade con 152 habitantes; en 1607 só tiña tres veciños.

O Allo ten a maior parte do seu territorio con desniveis de importancia, pois case todo está ocupado por unha elevación montañosa que leva a orientación N-S ata preto da ría de Canduas. Lindando coa parroquia de Baio (NO) ten os montes da Corte das Cabras (338 m) e o Castelo Pequeno (335 m), e, xa no interior da parroquia, o Castelo do Allo (309 m), o Cotón de Regalados (345 m, a cota máis alta) e o Castelo de Muriño (319 m). Non obstante, a zona meridional é eminentemente chá, por debaixo dos 200 m.

O curso de auga máis importante é o do Porto –o río grande da Terra de Soneira–, que entra na parroquia polo leste e establece os lindes polo sur coa parroquia de Lamas. Porén, no souto do Allo, preto das Torres, nace o rego de Esmorís, que se dirixe polo norte cara á cunca do Anllóns.

Arquitectura do edificio

O edificio das Torres do Allo consta de tres partes: un corpo central rectangular (19 m x 6 m) cuberto cun tellado a dúas augas entre dúas torres cúbicas (duns 8 m de lado) cun tellado a catro vertentes. A lonxitude total da fachada, construída con pezas de cantería de bo corte, é duns 35,5 m.

[Podes ler o número completo das Torres do Allo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, terza feira 17 de setembro, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios