Que quería dar a coñecer con este A FONDO?
A idea era resgatar unha parte da nosa historia, de Galiza, a través dunha figura importante da literatura como é Gonzalo Torrente Ballester e sacar á luz unha etapa que, máis que pouco coñecida, foi pouco traballada. Parecía que había un desleixo sobre esa época, como se fose pouco interesante.
Por que ese silencio sobre a militancia falanxista de Torrente?
Eu creo que el non estaba orgulloso desa época, tentaba non falar dela. Sempre correu un tupido veo sobre o tema, saía do caso con catro pinceladas, dicía que tivera medo, que a familia o instara a buscar unha saída, que se afiliara por obriga...
E cal é a realidade?
Pode haber algo de verdade niso pero despois el empeza a ter un protagonismo dentro da Falanxe en Ferrol, a nivel galego e estatal moi forte. A el vémolo en mitins rechamantes, como foi o acto de afirmación Nacional-Sindicalista en Ferrol ou a homenaxe a Alemaña en que se proxectou o filme A forza da vontade, de Leni Riefenstahl, e en que o público saudou co brazo en alto cantando os himnos nazi e da Italia fascista. Pareceume sorprendente que non se dixese nada sobre isto cando, seguramente, quen traballou este tema podería sabelo. Un par de anos antes de asinar a carta en apoio aos mineiros asturianos, Torrente Ballester facía o último manual de formación do espírito nacional.
Precisamente, no A FONDO recolle que “non foi un simple militante fascista”.
El foi xefe de propaganda e contaba con responsabilidades importantes. Traballou máis na vertente intelectual. Foi un elaborador teórico, hai varios cadernos de formación, como os de estudos políticos, asinados por el e que representan as bases ideolóxicas do réxime fascista. Dicir que foi un simple militante que foi obrigado...
Que aconteceu para que mudase a chaqueta e pasase de ser amigo de Carvalho Calero ou de Johán Carballeira a ingresar nas filas da Falanxe?
Non desboto que o medo tivese que ver, pero a forma en que o asume non resulta agradábel nin esperta admiración. Estaban matando xente que era coñecida súa, amiga súa, e mentres tanto falaba nos mitins a favor do réxime que facía todo iso. Non sabemos xa onde está a honestidade, antes, despois ou nunca.
[Este caderno A FONDO publícase co semanario en papel Sermos Galiza número 347, á venda xa na loxa e nos quiosques]