'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

Torre de Caldaloba ou de Vilaxoán (Cospeito), as pedras da resistencia

A torre de Caldaloba é un símbolo na Terra Chá e no país enteiro pola resistencia que nela tivo Constanza de Castro, filla do mariscal Pardo de Cela, fronte aos mandados dos Reis Católicos. Declarado Ben de Interese Cultural en 1994, é, tamén, símbolo da loita dun pobo na defensa do seu patrimonio da man do asociacionismo de base, destacando nese labor a ARC San Martiño de Pino e as accións conxuntas de cerca de vinte asociacións en 2021, determinantes para que as administracións públicas iniciasen o proceso de compra.

Vista da Torre de Caldaloba en Cospeito (Foto: Martiño Cabana).
photo_camera Vista da Torre de Caldaloba en Cospeito (Foto: Martiño Cabana).

Situado nunha terra de importante valor agrícola, o vello castelo de Vilaxoán ocupa un pequeno outeiro onde xa houbo un castro noutrora. A súa posición elevada nun estremo da chaira, con fontes e regatos mesmo ó pé e non lonxe dos ríos principais da Terra Chá (o Támoga é o que cadra máis preto), marcaba na paisaxe o poder civil e militar, o señorío sobre terras traballadas por vasalas e vasalos que vivían a rentes do chan.

Se facemos un pequeno exercicio de empatía e de viaxe no tempo histórico, veriamos unha paisaxe traballada en cortiñas, leiras, horteiros, agras a cereal e prados, de ríos con caneiros e pesqueiras para troitas e anguías, propiedades de señores laicos e relixiosos, as máis das veces das mesmas familias e co mesmo tipo de intereses debaixo das distintas vestimentas e brasóns. Unha paisaxe de monte baixo e árbores caducifolias, de pomares en valos e cortiñas, de pequenas casas de pedra e madeira, case sen ventás como as dos caseteiros que inda hoxe se ven non moi lonxe e deberían estar blindadas contra o esquecemento de quen somos e de onde vimos.

Unha paisaxe agraria e gandeira na que a torre altiva rozaba o ceo e avisaba do seu poder desde moi lonxe, ó igual que outras torres chairegas, cada unha do seu señor mais todas do mesmo tipo de poder. O arboredo que rodea actualmente o castelo oculta en gran medida a súa función vixía e estratéxica, mais se lle facemos caso a Lence-Santar e Guitián (en cita de Vázquez Seixas), que nos anos 30 tiña unha mellor perspectiva ca hoxe, veremos desde a nosa torre un horizonte espléndido con moitas aldeas e lugares dos concellos de Cospeito, Vilalba, Begonte, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Rábade, Pol e Lugo.

Esa paisaxe cambiou ben, sobre todo nos últimos anos, nos que se produciu unha reforestación importante, con plantacións de eucaliptos, vizosos valados de salgueiros que noutros tempos non se deixaban medrar tanto, e o monte comendo algunha vella terra de labor... A chaira xa non se pode ver tan chá desde os camiños, rodeados de altas millaradas, e a esta neta de labregos chairegos acórdanselle outros tempos de agras cultivadas e amplos horizontes.

Protección

Non se pretende volver ó agro de outrora, mais si debemos protexer a paisaxe como un ben patrimonial, e desde logo ó arredor de castelos e castros debería conservarse por lei unha vista dos arredores cando menos semellante á que estes tiñan pois non son só edificios senón tamén vixías e espazos máis complexos.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, quinta feira 19 de setembro, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios