Ribeira homenaxea e lembra a súa veciñanza represaliada polo franquismo

Inaugurada a escultura de Soledad Penalta que lembra a todas as veciñas e veciños que sufriron a represión franquista.

RIBEIRA 1
photo_camera Un momento da inauguración oficial da escultura

A escultura feita pola artista de Noia Soledad Penalta levaba varios meses instalada no Malecón de Ribeira, mais non foi até esta sexta feira que, baixo unha choiva que non quixo perderse o acto, se inaugurou oficialmente.

Ao acto acudiron representantes de diferentes colectivos e formacións políticas, así como no mesmo participaron Xose Antonio Pérez Fernández, historiador e membro de Memoria Histórica do Barbanza, María Dolores Sanlés Sieira e Celia García Pillado, familiares de represaliados, Soledad Penalta, escultora, e Luís Pérez Barral, alcalde nacionalista de Ribeira. 

O rexedor salientou a importancia de respectar e gardar “a memoria daqueles homes e mulleres que loitaron pola liberdade, a xustiza e a democracia, e que pagaron un alto prezo polos seus ideais. É un deber moral honrar e lembrarmos a quen sufriu persecución, exilio, encarceramento ou mesmo pagou coa súa vida a defensa dos valores democráticos que hoxe desfrutamos”.

“O franquismo marcou unha época na que os dereitos fundamentais foron vulnerados, a liberdade de expresión sufocada, e a diversidade de pensamento reprimida. Persoas valentes de Ribeira, de Galiza e de todo o Estado español rebeláronse contra esta opresión, e moitos deles deixaron un legado de sacrificio e coraxe, que hoxe lembramos con respecto e gratitude coa inauguración desta escultura”, sinalou o alcalde desta localidade da comarca do Barbanza.

“Ribeira, como tantas outras localidades, foi testemuña da represión franquista e dese feito xorde a vontade desta e doutras Corporacións Municipais para erguer este monumento. Facer esta inauguración hoxe tampouco é casual, hoxe é unha data simbólica para o noso municipio, xa que hai 87 anos os falanxistas fusilaban a Manuel Lustres Rivas, recoñecido fillo predilecto de Ribeira, homenaxeado tamén cunha rúa e cun centro cultural co seu nome”.

“Esta homenaxe non só é un acto de memoria, senón tamén un compromiso claro e inequívoco coa xustiza e a verdade histórica”, manifestou o alcalde. “Neste acto de homenaxe, renovamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos humanos, a liberdade e a xustiza”, concluíu

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios