Análise

Represión vicaria

Lola Ferreiro Díaz, doutora en Medicina e activista feminista, analiza nesta peza a represión do franquismo contra as mulleres.
A represión política na ditadura franquista tiña por obxecto aniquilar a disidencia (e as disidentes), e sementar o terror. (Foto: Álex Rozados)
photo_camera A represión política na ditadura franquista tiña por obxecto aniquilar a disidencia (e as disidentes), e sementar o terror. (Foto: Álex Rozados)

No proceso de recuperación da memoria das mulleres falamos de que a represión que a ditadura exerceu contra elas tivo tres peculiaridades: as agresións sexuais, o roubo de crianzas e o pelado da cabeza xunto coa inxestión forzada de aceite de rícino. Todas elas a maiores do resto das formas, comúns coas dos homes.

Porén, debemos considerar unha cuarta forma de represión específica; o maltrato ás crianzas, que cómpre visibilizar por separado, polas súas connotacións e efectos.

Nos anos do terror, moitas foron torturadas brutalmente estando embarazadas, como foi o caso de Mari Blázquez, cuxo estado constaba nun informe do hospital. Algunhas crianzas foron asasinadas en presenza das nais, coma o caso de Justa Mir que, cando a foron deter, colleron o seu fillo pequeno polas pernas e estreláronlle a cabeza contra a parede... porque se chamaba Lenin.

En moitas ocasións, cando as ían deter á casa, deixaban as crianzas (ás veces moi pequeniñas) soas, pero a eles tanto lles tiña a súa idade. Foi o caso dalgunhas das libertarias galegas, como Consuelo Meitín, Sebastiana Vitales ou Josefa Barreiro. Outras veces sufriron maltrato nas comisarías, nos cuarteis da Falanxe ou en Gobernación diante das nais. Collemos como exemplo o fillo da Fernanda Casado, de só dous meses, en Gobernación.

Outras tiveron que presenciar a morte das crianzas menores de tres anos que estaban con elas nos cárceres, de frío, de fame e de infeccións non atendidas, por exemplo en Ventas ou en Saturrarán, onde faleceron por ducias. Todas tiveron que ver a diario como privaban as nenas e nenos do contacto con elas, agás unha hora ao día; o resto do tempo contemplaban desde a xanela como choraban de soidade e de frío no patio do cárcere sen se poderen nin achegar.

Esta represión prolongouse durante toda a ditadura. Mesmo a finais dos anos 60 e entrados os 70, nenas e nenos sufriron tortura directa nas comisarías, como foi o caso do fillo de Manolita del Arco, detido e torturado en varias ocasións, a primeira con 9 anos; ou en 1972, en Ferrol, o fillo de Encarna Puentes, de 8 meses, e as fillas de Divina García e a de Manola López, tamén pequeniñas, zarandeadas e amedrentadas nos rexistros continuos das súas casas.

Por último, debemos incluír as ameazas de deter as fillas e torturalas diante das nais. Tamén os simulacros, que habitualmente consistían en reproducir a todo volume unha gravación de crianzas chorando, facéndolle crer á detida que se trataba das súas.

Hai maior sufrimento para unha muller que ver como maltratan as súas fillas e fillos? O réxime sabía que non, e por iso o practicaba

Por que represión vicaria?

A represión política na ditadura franquista, deseñada polo Estado e executada polas policías, exército e a Falanxe, tiña por obxecto aniquilar a disidencia (e as disidentes), e sementar o terror e así dobregar a cidadanía. Unha das dimensións desta represión é a tortura, un exercicio sistemático de violencia institucional, levada a cabo para arrincar unha confesión ou, as máis das veces, para provocar sufrimento, desde o odio e a sede de vinganza. A pregunta é, hai maior sufrimento para unha muller que ver como maltratan as súas fillas e fillos? O réxime sabía que non, e por iso a practicaba. Polo tanto coido que o termo represión vicaria resulta perfectamente acaído para cualificar aquel horror.

A culpa como fonte de sufrimento

Moitas das sobreviventes da represión franquista testemuñaron que a dor que lles producía ver sufrir desa maneira as súas fillas e fillos era infinda; moito máis grande que a que lles causaba a tortura directa contra elas. Porén, a dor é unha construción complexa e abstracta que pode implicar distintos trazos emocionais. Probabelmente, o máis implicado neste caso é a culpa.

Desde a perspectiva do xénero, a culpa acompaña as mulleres durante toda a vida, porque é o método máis efectivo para que non extralimitemos a posición de inferioridade que nos atribuíu o patriarcado. Podémonos sentir culpábeis por moi diversas cousas (que facemos, dicimos, pensamos ou omitimos), pero a maior de todas está en relación con que as fillas e fillos sufran por "causa nosa", e a elas o réxime lembroulles isto seguido.

É certo que a ideoloxía protexeu en certa medida contra a culpa, aliviando o remordemento e o arrepentimento. Sabían que o que fixeran fora loitar por unha causa xusta e que os torturadores eran os culpábeis, pero isto non elimina a angustia, que é o elemento máis punitivo da culpa. A angustia de velas morrer por causas evitábeis, de velas sufrir e non poder acudirlles nin consolalas; a incerteza de non saber o que lles vai pasar cando as deixan abandonadas á súa sorte. A amargura por non poderlles procurar alivio. A dor que causa isto é inconmensurábel e debe ser visibilizada como un dos xeitos máis crueis de represión contra as mulleres: a represión vicaria que sufriron milleiros delas, alén das que se citan 
como exemplo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios