Análise

Repercusión en Galiza da retirada de títulos nobiliarios

O sociólogo e ex presidente da CRMH da Coruña, Manuel Monge, analiza para 'Nós Diario' os títulos nobiliarios concedidos na Galiza polo franquismo.
O conde de Fenosa, Pedro Barrié de la Maza, co ditador Francisco Franco en 1965. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conde de Fenosa, Pedro Barrié de la Maza, co ditador Francisco Franco en 1965. (Foto: Europa Press)

A aprobación inicial polo Congreso da eliminación de 33 títulos nobiliarios (artigo 41 da Lei de Memoria Democrática), pode ter importantes repercusións na eliminación de rúas, placas, distincións... a significados golpistas, franquistas ou colaboradores da ditadura. Nesta ocasión, concretar os nomes impide deixar todo a interpretación das distintas administracións ou tribunais de xustiza. Por outra parte, non tería sentido retirar por lei un título nobiliario a un significado franquista e manter a súa rúa ou a distinción de fillo adoptivo.

No caso de Galiza podería afectar a máis de 60 distincións de 22 concellos, dentro dos 700 restos do franquismo en 90 concellos que recollo no meu libro Os restos do franquismo en Galiza.

Pedro Barrié de la Maza (Conde de Fenosa) recibiu o título o 1 de outubro de 1955 polos seus servizos á ditadura. Significado franquista, empresario e banqueiro, financiou o exército sublevado en 1936 e participou na depuración do persoal do Banco Pastor. Dá nome a unha avenida da Coruña e ao dique de abrigo, ten un retrato no concello, é Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da Coruña. Ten tamén distincións na Deputación da Coruña e nos concellos de Corcubión, Ferrol (unha rúa e Fillo Adoptivo), Narón e O Barco de Valdeorras (Fillo Adoptivo e Predilecto e CEIP Condesa de Fenosa).

José Calvo Sotelo (Duque de Calvo Sotelo). Concedido a título póstumo o 18 de xullo de 1948. Portavoz fascista con constantes invitacións á sublevación militar contra o goberno lexítimo da República. Declarado partidario do fascismo, participou activamente na organización do golpe de Estado, que se executou despois do seu asasinato. Dá nome a unha avenida, unha rúa e un peirao na Coruña; ten un retrato, é Fillo Adoptivo e Predilecto. Ademais, ten distincións en Quiroga, Beariz, A Estrada, O Carballiño, Melón, Tui, San Cristovo de Cea e Vilagarcía de Arousa.

José Antonio Primo de Rivera (Duque de Primo de Rivera). Concedido a título póstumo o 18 de xullo de 1948 a favor de José Antonio Primo de Rivera y Sáenz de Heredia, fundador da Falanxe Española. Conserva referencias e distincións en Santiago, Beariz, Maceda, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea e Marín.

Francisco Franco (Duque de Franco, Señorío de Meirás). O Señorío de Meirás foi concedido por Juan Carlos I a Carmen Polo, esposa do ditador, que tamén concedeu o Ducado de Franco á filla, Carmen Franco, seis días despois da morte do ditador. Franco aínda conserva unha placa na súa casa natal de Ferrol e distincións en Padrón e Mondoñedo.

Fernando Suárez de Tangil (Grandeza de España). Concedido en 1964 a título póstumo a Fernando Suárez de Tangil y Angulo. Alcalde de Madrid na Ditadura de Primo de Rivera (1924-1927), implicado en 1932 na “Sanjurjada”, ministro de Obras Públicas (1951-1957), presidente do Consello de Estado e procurador nas Cortes franquistas (1951-1964). Conserva distincións en Ferrol, Deputación da Coruña, O Carballiño e Vilagarcía de Arousa.

Juan Antonio Suanzes Fernández (Marqués de Suanzes). Concedido o 1 de setembro de 1960. Militar golpista e ministro de Industria na ditadura. É Fillo Predilecto de Ferrol, Medalla de Prata de Santiago, Medalla de Ouro de Lugo e Fillo Adoptivo de Pontevedra.

Fidel Dávila (Marqués de Dávila). Concedido o 18 de xullo de 1949 a favor de Fidel Dávila Arrondo. Xeneral que participou no golpe de Estado de 1936 e  ministro do Exército nos primeiros gobernos franquistas. Ten a Medalla de Prata de Santiago.

Joaquín Benjumea (Conde de Benjumea). Concedido en 1951. Presidente da Deputación de Sevilla (1936-1940), ministro de Agricultura e Traballo (1939-1941), ministro de Facenda (1941-1951), Gobernador do Banco de España (1951-1963). Ten a Medalla de Prata de Santiago.

Juan Yagüe (Marqués de San Leonardo de Yagüe). Concedido en 1952 a título póstumo. Golpista, coñecido como 'carnicero de Badajoz' polo asasinato de 4.000 persoas, prisioneiras na praza de touros desa cidade. O Palacio de Capitanía Xeneral da Coruña aínda conserva o nome de 'Sala de Honor Tte. Gral Yagüe'.

Se a Lei de Memoria Democrática é aprobada en setembro, os plenos municipais de outubro-novembro poderían ser unha boa ocasión para, en aplicación desa lei, retirar as sinaladas distincións. Por outra parte, as deputacións con gobernos progresistas (PSdeG-PSOE e BNG) deberían incluír unha partida nos Orzamentos de 2023 para realizar un inventario dos restos do franquismo nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo, como xa fixeron as deputacións, con presidencia socialista, de Valencia, Cáceres  ou Badaxoz, a que esperan?

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios