As reminiscencias da paga do 18 de xullo

Do 'Glorioso Alzamento' á onomástica do rei Juan Carlos até hoxe
O ministro de Traballo José Antonio Girón de Velasco (de negro e brazo en alto no centro da imaxe), en Barcelona no ano 1941. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ministro de Traballo José Antonio Girón de Velasco (de negro e brazo en alto no centro da imaxe), en Barcelona no ano 1941. (Foto: Nós Diario).

1947. A pesar de que desde o golpe de Estado do 36 as xornadas laborais medias pasaran de 40 a 70 horas semanais, a fame chamaba ás portas de millóns de familias. As medidas do Goberno de Franco e o seu ministro de Traballo, José Antonio Girón de Velasco, traducíronse nunha inflación galopante que fixo que a renta per cápita fose un terzo da existente antes da guerra civil española.  

Os datos son demoledores. O custo da vida aumentou 550% e os salarios non eran nin a metade en 1947 do que eran en 1936. E iso por non falar da cruenta represión padecida pola clase traballadora, que por aquel entón aínda se vivía en toda a súa intensidade.

Ante esta situación, Girón de Velasco, cabeza visíbel do sector falanxista do réxime e bandeira do que eles mesmos denominaban como "o social" tomou unha medida que, con matices, continúa vixente até o día de hoxe: a paga extra do 18 de xullo.

O obxectivo do que fora ministro entre 1941 e 1957 foi triplo. Por unha banda, o oficial, ter un "xesto" cunha poboación empobrecida e esganada até o límite, cunha concepción moito máis próxima á esmola da caridade cristiá que á xustiza social que cacarexaba o propio Girón de Velasco.

Mais para o réxime era moito máis importante reforzar o 18 de xullo como data da Festa de Exaltación do Traballo -adoptada polo réxime nun intento de substituír o 1º de Maio- e asentar esa vinculación no imaxinario popular do día do golpe de Estado, o 18 de xullo, con algo positivo como é o feito de recibir unha paga extra.

De Franco a Juan Carlos

Chegada a chamada Transición, a paga extra do 18 de xullo foi reformulada, aínda que conservando as intencións coa que fora concibida en 1947. Así, desprazouse ao día de San Xoán para pasar a ser coñecida como a da Onomástica do Rei, Juan Carlos I de Borbón.

Mais co paso dos anos, a sinatura de moitos novos convenios colectivos e a evolución dun mercado laboral no que cada vez é máis frecuente prorratear todas as pagas extra nos 12 meses naturais fan que sexa esta unha figura en extinción.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios