O relator da ONU critica o Estado español por abandonar as vítimas da ditadura

Pablo De Greiff finalizou a súa visita ao Estado español cunha rolda de imprensa na que criticou a vixencia da Lei de Amnistía de 1977 e demandou unha "política de Estado" para a reparación das vítimas e a recuperación da memoria. "Non son asuntos de política partidista", dixo, "senón de dereitos que concernen a todos".

de greiff2
photo_camera Pablo De Greiff, relator da ONU

O relator das Nacións Unidas para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, Pablo De Greiff, concluíu a súa visita ao Estado español esta segunda feira, e cuxas declaracións recolle o diario basco, Naiz.

Após reunirse con representantes de asociacións a prol da memoria histórica, vítimas da represión franquista e familiares d@s fusilad@s e pasead@s, o colombiano desenvolveu unha conferencia de imprensa en que deitou algunhas das conclusións tiradas dos encontros mantidos en diversos puntos do Estado --entre eles Galiza. 

Para De Greiff resulta "sorprendente" que nestes perto de 40 anos após a ditadura militar "non se teña feito máis en favor dos dereitos das vítimas" en cuxas demandas, dixo, albiscou unha "notábel fenda" en relación coas posicións adoptadas polo Estado.

De Greiff amosouse sorprendido porque nestes anos "non se teña feito máis en favor dos dereitos das vítimas"

Trabas para acceder a unha información "fragmentada" e "confidencial"

Segundo o relator da ONU é preciso que @s represaliad@s e familiares d@s asasinad@s conten cunha "política de Estado" que non dependa do "vaivén" electoral e lles garanta un acceso efectivo á información e a xustiza. 

Neste senso, o colombiano criticou a negativa da Fiscalía española a extraditar algúns dos torturadores franquistas que aínda permanecen con vida --como Antonio González Pachecho, ‘Billy El Niño’-- e que foron reclamados pola xustiza arxentina no decorrer do proceso xudicial aberto polos crimes do franquismo.

Asemade, salientou as dificultades para accederen á documentación correspondente aos anos posteriores á Guerra de 1936 e a ditadura. Unha información que dixo, para alén de estar "fragmentada", en moitos casos foi clasificada polo Ministerio de Relacións exteriores como "confidencial" impedindo así o acceso á información a vítimas e familiares. 

O relator da ONU criticou que a Lei de Amnistía sexa unha norma "de punto e final" que impida ás vítimas acudir á xustiza para a reparación da memoria

De Griff ve "incompatíbel" a Lei de Amnistía coa reparación das vítimas

Así, Pablo De Greiff instou o Goberno español a pór "por riba de consideracións políticas" o "compromiso decidido, determinado e prioritario para dar vixencia plena aos dereitos á verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición".

Un compromiso que De Greiff coidou "incompatíbel" co mantemento en vigor da Lei de Amnistía do '77. Unha norma, sinalou, que rematou por cumprir "as funcións dunha lei de punto e final" na medida en que, explicou, "foi empregada para arquivar practicamente a totalidade dos casos que chegaron perante os xuíces". 

As declaracións do relator das Nacións Unidas baseáronse en grande medida nos testemuños das ducias de persoas coas que tivo oportunidade de se reunir e que lle transmitiron non só a súa indignación pola inacción gobernamental na recuperación da memoria, senón tamén polo mantemento da simboloxía fascista nas rúas ou a impunidade dos represores. 

O informe final elaborado por Pablo De Greiff será presentado para o seu debate perante o Consello de Dereitos Humanos da ONU en setembro.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios