Que quere facer a Xunta con Meirás? Consulta aquí as súas catro propostas para o pazo

O conselleiro de Cultura presentou esta sexta feira as ‘Bases para o plan de usos de Meirás’, onde o espazo para a memoria da represión franquista que reivindican colectivos e estudosos ten un lugar subalterno.

Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
photo_camera Pazo de Meirás (Foto: M.Dylan).

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou esta sexta feira na Real Academia Galega  as ‘Bases para o plan de usos das Torres de Meirás’, un documento que a Xunta quer que sirva de “punto de partida” para un debate sobre que usos dar a este benque esta quinta feira pasou ao patrimonio público.

O documento xa foi trasladado na reunión mantida a pasada cuarta feira entre os distintos representantes sobre o Pazo de Meirás. O texto perfila posíbeis usos cunha batería de propostas que deberán agora abordarse no grupo de traballo.

Esta folla de ruta senta as bases en tres principios que guíen as actuacións: garantir a apertura das Torres de Meirás a toda a cidadanía, revitalizar un espazo único de gran valor histórico e cultural declarado BIC e que “recupere o sentido orixinal do inmóbele deturpado polo franquismo”.

Apóstase, logo, por converter o pazo nun  espazo que resalte “a importancia da muller na creación intelectual e nomeadamente o legado de Emilia Pardo Bazán, explicando ao mesmo tempo a historia completa do pazo, incluída toda a etapa e o proceso polo que se converteu en residencia estival do ditador, e reivindicando o entendemento, a concordia e os valores democráticos”, segundo a Xunta.

O documento contempla catro liñas de acción.

1) A valorización do patrimonio, coa elaboración dun plan museolóxico cunha museografía adaptada no que teñan tamén cabida accións como visitas guiadas, percorridos ou espazos abertos para coñecer a historia do pazo. “Propón programacións específicas con carácter didáctico para o público infantil como visitas para escolas ou unidades de traballo nas aulas, así como un espazo para a reivindicación da figura de Pardo Bazán, a promoción dos valores democráticos ou accións en torno aos usos exercidos durante a ditadura”.

2) A configuración cun centro de creación artística, “un lugar que xere valor engadido no noso tecido produtivo e que dinamice o noso sector cultural”. Para iso, desenvolveríanse accións como residencias literarias e de creadoras

3) O emprendemento e a investigación, “centrada en fomentar a igualdade da muller e forzar ideas e iniciativas entre órganos que promovan estes fins”.

4) Por último, os espazos verdes destinaríanse á un “Xardín da liberdade, como auténtico espazo para a memoria e a reflexión sobre a ditadura, o papel das mulleres durante este período histórico e na actual democracia, que sirva en definitiva como recordo e reparación das persoas represaliadas e perseguidas polo totalitarismo e a intolerancia”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios