O Poder Xudicial rexeita que se prohiban as fundacións franquistas

O Consello deu luz verde a un informe que estabelece trabas a que desaparezan estas entidades en recordo ao réxime ditatorial de Francisco Franco, cuestión que pretende a Lei de Memoria Democrática -tamén coñecida como lei Calvo- que está en anteproxecto.

Imaxe de arquivo da sede da Fundación Francisco Franco. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press) #meirás #franciscofranco #ditadura #franquismo #fundaciónfranciscofranco #cxpx #ilegalización #pazodemeirás #ditador #fascismo
photo_camera Imaxe de arquivo da sede da Fundación Francisco Franco. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) ten as súas reservas sobre a prohibición da existencia de fundacións franquistas e así o fixo saber nun pleno no que se aprobou -con 15 votos a favor e seis en contra- un informe que pon pegas a esta e outras partes do Anteproxecto de lei de Memoria Democrática.

O documento escrito polos vogais Roser Bach e Wenceslao Olea ten un ton moi crítico con algúns dos capítulos desta norma impulsada pola vicepresidenta primeira do Goberno do Estado español, Carmen Calvo, ao considerar que “vulneran a liberdade de expresión”.

Desde o punto de vista dos autores, a apoloxía franquista que poidan realizar determinadas fundacións -como podería ser a Fundación Francisco Franco, que era a que xestionaba as visitas ao pazo de Meirás na súa anterior etapa como parte do patrimonio da familia do ditador- “está amparada pola lei sempre que non se humille ás vítimas”.

Se ben é certo que o texto saíu adiante, fíxoo cun segundo borrador pois os dous relatores que se elixiran ao principio para facer o estudo non chegaron a un acordo.

Tamén hai que ter en conta que, aínda que debe ser unha voz escoitada polo Estado coma o resto das que se veñen pronunciando sobre o tema, a do Poder Xudicial a través deste informe que non ve correcta a prohibición das entidades en recordo e homenaxe a Franco “non é vinculante”.

O borrador da normativa tamén tivo as súas dificultades ante outro órgano consultivo, o Consello Fiscal, onde si foi aceptado.

Agora o CXPX estabelece as trabas na disposición adicional quinta, que recolle como causa específica de extinción das fundacións “a apoloxía do franquismo ou a incitación directa ou indirecta ao odio ou violencia contra as vítimas do golpe de estado, da guerra ou do franquismo, pola súa condición de tales”.

"Comprensión para todas" as posturas

A proposta aborda tamén a intención de tipificar “como infracción moi grave” a falta de adopción de medidas para impedir a realización de "actos contrarios á memoria histórica", é dicir, aqueles que "entrañen descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas ou dos seus familiares, e supoñan exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da guerra ou da ditadura, dos seus dirixentes, participantes no sistema represivo ou das organizacións que sustentaron o réxime ditatorial".

Porén, Bach e Olea sostiveron -e foron apoiados- que debera existir un modelo máis “omnicomprensivo”. Igualmente, engadiron que o trato sería “asimétrico” con respecto das vítimas doutros feitos que supuxeron violación dos dereitos humanos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios