Absolto o investigador Carlos Babío dun delito contra a honra dos Franco

A familia do ditador acúsárao de delitos contra a honra e intimidade persoal
O historiador Carlos Babío (Foto: Nós Diario).
photo_camera O historiador Carlos Babío (Foto: Nós Diario).

O Xulgado de Primeira Instancia número 43 de Madrid desestimou a demanda interposta contra o investigador e coautor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, Carlos Babío, e outras oito persoas, do delito contra a honra, a intimidade persoal e familiar e á propia imaxe que lle imputaban os Franco.

Así o recolle a sentenza, facilitada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), após a demanda dos Franco contra  Mediaset e responsábeis dun programa sobre a herdanza do ditador, así como colaboradores e participantes no mesmo.

No seu fallo, contra o que cabe recurso ante a Audiencia Provincial de Madrid, a titular do Xulgado de Primeira Instancia número 43, sostén, sobre o contido do programa e as declaracións vertidas, que "é certo que se imputan condutas ilícitas na forma de adquisición de determinados inmóbeis".

"Pero dita información vén referida aos antepasados dos demandantes e estes accionan no seu propio nome e non en defensa da honra dos seus falecidos avós".

"Unicamente achácase aos demandantes unha falta de ética na xestión do seu patrimonio", apunta o fallo que, por outra banda, sobre afirmacións realizadas, sostén que houbo xuízos de valor que integran "unha opinión e non unha expresión aldraxante ou ofensiva".

A xuíza conclúe que se está "ante unha reportaxe parcial e nesgada, pero amparado pola liberdade de expresión e información, o que determina a desestimación das accións exercitadas".

Carlos Babío, historiador, defensor da devolución do pazo ao pobo e autor da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio xa advertira días antes do xuízo: "Non me van amedrentar".

Comentarios