O rico patrimonio mineiro galaico-romano de San Xoán de Río, "ameazado" polos parques eólicos

Os proxectos Neboada, Ventumelo e Treboada, promovidos por sociedades participadas en parte pola familia do tenista Rafael Nadal, poñen en xaque a gran mina de ouro dos Biocos, advirte o xeólogo Óscar Pazos, autor de 'A invención da Gallaecia e a minaría do ouro' e experto na materia.
Tapada das Lagoíñas. (Foto: Óscar Pazos)
photo_camera Tapada das Lagoíñas. (Foto: Óscar Pazos)

O Goberno galego autorizou nas últimas datas os parques eólicos Neboada, Ventumelo e Treboada, que situarán no seu conxunto 28 aeroxeradores cunha potencia instalada total de 125,2 megawatts (MW), dentro do termo municipal de San Xoán de Río, na Terra de Trives, en pleno corazón da Ribeira Sacra. Preocúpanlle á veciñanza as "potenciais afeccións" destas instalacións ao rico patrimonio mineiro galaico-romano, e por iso a comezos do pasado mes un grupo de veciños e veciñas solicitou unha revisión ao xeólogo Óscar Pazos Rodríguez, autor de A invención da Gallaecia e a minaría do ouro e un dos maiores expertos na materia.

Preocupaba, especialmente, o impacto do proxecto Ventumelo sobre a gran mina de ouro dos Biocos, cos aeroxeradores "rodeando as vellas explotacións galaico-romanas polo leste, norte e oeste". "Na memoria da zona, transmitida por xeracións, Os Biocos aparecen coma un lendario nó de conexións invisíbeis, sendo de feito cinco Os Biocos que corresponden, cada un, a unha das aldeas ao redor. Mais Os Biocos estarían tamén vencellados a fontes e regos, e outros ben coñecidos lugares da bisbarra, é forma parte da tradición que hai non moito un can que se perdera polos Biocos aparecera dous días após alá polo Montefurado, xa doutra beira do Sil, na Quiroga", explica Pazos, sobre a relevancia histórica do emprazamento.

A cuestión no que atinxe ao parque eólico é que Os Biocos "non estarían limitados aos cinguidos perímetros que acotío lles marca o servizo de Patrimonio da Xunta aos xacementos arqueolóxicos", senón que se espallarían alén deles, "formando parte dunha mesta rede que cubre e artella o territorio". Así, o xeólogo achou, após revisar a cartografía e visitar o lugar, tres indicios mineiros ao norte dos grandes Biocos cara á serra de Cabanas, "xusto por onde o Ventumelo planea instalar unha ringleira de aeroxeradores".

"Son indicios pequenos comparados cos meirandes Biocos xa coñecidos, mais non son indicios sen importancia. O indicio de 'Por riba da Corga', por exemplo, informa dos traballos exploratorios que fan posíbel calquera explotación mineira; e o indicio 'Tapada das Lagoiñas' fálanos de como a minaría antiga alterou os sistemas xeo-hidrolóxicos, desviando regos, creando lagoas ou abrindo reguerias e gurgullos que hoxe adoitan dar augas a levadas e regos agrícolas. E tamén aquelas misteriosas conexións subterráneas que conectaban Os Biocos co Sil responden a unha realidade xeo-mineira", sostén Óscar Pazos.

Na investigación da minaría galaico-romana do ouro, reitera, "aínda queda un mundo por facer, redescubrir e interpretar". "Cruzando a Serra de Cabanas secasí enliñadas cos Biocos na dirección estrutural N40, están as impresionantes cortas de 'Furados' e o 'Burato do Lobo', cavadas en corgueiros de pendentes medias próximas ao 100%, e xa logo 'As Cadeladas', a carón da aldea de Piñeira e xusto por riba do Sil; estas tres minas enliñadas cos Biocos en apenas 5 quilómetros falan dunha mesma estrutura xeolóxica que atravesa a Serra de Cabanas e funcionou coma portadora da mineralización entre San Xoan de Río e o Sil, quen sabe se tamén continuando na beira norte do río. Abofé que para dar con estas catro grandes explotacions os mineiros galaicos exploraron polo miudo toda este liñamento, e as pegadas desta exploración intensiva aínda han estar agochadas entre o mato e os crebados", acrecenta.

"Nesta breve incursión nos eidos dos tres polígonos eólicos planeados entre San Xoan de Río e A Rúa de Valdeorras apareceron un senlleiro feixe de indicios mineiros antigos inéditos, uns que ampliarían de xeito substancial os perímetros das minas xa catalogadas de Medo, Os Biocos e O Curral dos Milleiros, e outros que que deberán incluír no catálogo de Bens Culturais da Xunta novas explotacións non recoñecidas até o momento, como son as de 'Furados', 'As Cadeladas', 'Aldea-Soutordei', 'Fraga das Palas', 'A Medanca', 'Riocobo', 'Caberca de Riocobo', e disque outra media ducia para as que aínda non teño nome. Todas estas vellas minas forman un urdido xeo-mineiro inscrito na terra e na historia desta bisbarra e de boa parte de Galiza, mais aínda por documentar, estudar e interpretar", precisa o experto.

Ao fío destes achados, ratifica que os xacementos dos Biocos se estenden alén do documentado pola Administración galega e, en consecuencia, tamén do recollido nos estudos de impacto dos parques eólicos autorizados na contorna."E alén dos Biocos, a ducia longa de minas e indicios mineiros sen catalogar pola Xunta e atopados nesta breve investigación denuncia ben o carácter incompleto e desestruturado das bases documentais que soportan a xestion ambiental e a ordenación territorial", subliña.

Pazos lamenta que, "contra este urdido de natureza, patrimonio, poboacion, memoria e vida, está arestora a ser artellada unha rede ex novo de pistas, polígonos, aeroxeradores, transformadores, liñas eléctricas, servidumes, industrialización e urbanización do monte, dos ríos e mesmo dos mares que non só destruirá centos de elementos patrimoniais e naturais, ameaza a continuidade das formas de vida e do benestar das poboacións que levan vivindo xeracións vencelladas a estes elementos, enxertas neses urdidos de natureza, patrimomio e humanidade".

"A gran mentira dos proxectos eólicos como os planeados en San Xoán de Río é a escala na que son presentados e administrados. Como xa comenzan a demostrar as comunidades resistentes nos tribunais, os polígonos eólicos preséntanse segmentados para minimizar seu impacto ambiental é facilitar os trámites administrativos, mais tamén aquí hai redes subterráneas, ocultas, tramados societarios entre polígonos aparentemente alleos e promovidos de xeito aparentemente independente, porén, que agochan intereses empresariais e políticos concurrentes", censura, a respecto do que cualifica de "burbulla especulativa de proxectos eólicos" que, ao seu parecer, está a axexar o país.

Cinco parques eólicos coa pegada da familia Nadal

Aos proxectos Neboada, Treboada e Ventumelo súmanse os denominados Xeada e Orballeira, tamén autorizados recentemente polo Goberno galego e promovidos por sociedades vinculadas ás que impulsan esoutros parques eólicos na contorna, a familia Mascaró, con vínculos empresariais nestas iniciativas co tenista Rafael Nadal. Cada un deles constaría de tres muíños cunha potencia instalada de 19,8 MW, polo que os cinco parques, en conxunto, reunirían 34 turbinas eólicas cunha potencia de 164,8 MW entre os concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Larouco, A Pobra de Trives, Quiroga, A Rúa, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios