A Xunta autoriza o parque eólico Ventumelo, promovido en parte pola familia de Rafael Nadal

O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 Megawatts (MW), segundo os informes do xestor da rede de novembro de 2019 e de marzo de 2021.
Fileira de eólicos na serra do Candán, na comarca do Deza (Foto: Arxina).
photo_camera Fileira de eólicos na serra do Candán, na comarca do Deza (Foto: Arxina).

O parque eólico Ventumelo, que promove a firma balear Wind Hero, propiedade en parte do tenista Rafael Nadal, nos concellos de Pobra de Trives, San Xoán de Río e Ribas de Sil, recibiu autorización administrativa previa, por unha parte, e de construción ás instalacións relativas ao proxecto por outra.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta terza feira a resolución do 6 de febreiro da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se outorgan ambas as autorizacións. O orzamento de execución material sitúase en 37,74 millóns de euros.

O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 Megawatts (MW), segundo os informes do xestor da rede de novembro de 2019 e de marzo de 2021.

A resolución recolle e analiza as alegacións de carácter ambiental e urbanístico, entre outras, que se presentaron contra o proxecto, para finalmente resolver, en primeiro lugar, o outorgamento de autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Ventumelo, para unha potencia de 50 MW.

En segundo termo, outorga autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque.

O papel de Rafael Nadal

Segundo o Observatorio Eólico de Galicia e tal e como recollía Nós Diario en decembro do ano pasado: "Wind Hero, S.L. [promotora eólica] conta cun único accionista coñecido, que é a sociedade mercantil Aspemir, S.L., que participa en 35% no capital de Wind Hero, S.L. Esta mesma sociedade, Aspemir, S.L., participa na mesma porcentaxe no capital de Wind Grower, S.L., promotora do PE Treboada".

"Á súa vez, Aspemir, S.L., que participa no capital social de ata un total de 26 sociedades, é participada, nun 7,21%, pola mercantil Debamina, S.L., sendo esta última sociedade propiedade do coñecido tenista Rafael Nadal Parera, en 99,35%", indican desde o observatorio.

Serra da Lagoa

Por outra pate, o DOG publicou un anuncio da xefatura territorial de Lugo polo que se notifica a un interesado a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Serra da Lagoa.

O expediente correspondente á instalación de referencia está á súa disposición durante un prazo de 30 días nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Economía, Industria e Innovación.

Comentarios