Que une un tenista profesional, un empresario con antigos problemas coa Xustiza e cinco parques eólicos na Ribeira Sacra?

Os proxectos eólicos Treboada e Ventumelo, impulsados respectivamente por Wind Grower e Wind Hero, foron xa declarados "ambientalmente viábeis". Canda estes dous ficarían, no mesmo emprazamento, os parques Neboada, Orballeira e Xeada. Tras todos eles atópase un conglomerado de empresas que vincula o tenista Rafael Nadal e o empresario balear Antonio Mascaró Gomila.
Un edificio da Banca March, aeroxeradores na Ribeira Sacra e o tenista Rafael Nadal, tres elementos sen aparente relación que gardan un estreito vínculo. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Un edificio da Banca March, aeroxeradores na Ribeira Sacra e o tenista Rafael Nadal, tres elementos sen aparente relación que gardan un estreito vínculo. (Fotos: Europa Press)
  1. A familia Mascaró
  2. Un único 'macroproxecto' eólico nun espazo protexido?
  3. O papel de Rafael Nadal

Iberdrola, Capital Energy, Endesa, Naturgy, Statkraft... á poxa polo vento galego das grandes compañías enerxéticas do Estado español e mesmo de Noruega súmase agora un particular conglomerado empresarial balear que xunta nunha mesma ecuación o tenista Rafael Nadal e un ex directivo da Banca March involucrado en dúas causas xudiciais, coa Ribeira Sacra como escenario de fondo.

Un total de cinco parques eólicos, moi próximos entre eles, axexan os municipios de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Larouco, A Pobra de Trives, Quiroga, A Rúa, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras. Trátase dos proxectos denominados Neboada, promovido por Maia Directorship S.L., de 50 megawatts (MW) de potencia;  Orballeira, de Sinagra Investments S.L., de 33 MW; Treboada, de Wind Grower S.L., con 50 MW; Ventumelo, de Wind Hero S.L., con 50 MW, e Xeada, de Neiva Directorship S.L., con 33 MW.

A familia Mascaró

A priori poderíase pensar que unha morea de empresas están a disputarse estes terreos na Ribeira Sacra; porén, todas elas comparten un nexo común: a familia Mascaró. As sociedades Maia, Sinagra e Neiva están radicadas no mesmo enderezo, no municipio madrileño de Pozuelo de Alarcón, e teñen as tres como administrador único, Directorship Cibeles S.L. —encabezada á súa vez por Francisco Gómez Fructuoso—; como representante, Bruno Mascaró Rubert, e como administrador mancomunado, Vega 2002 S.L., propiedade dos Mascaró.

Pola súa parte, á fronte de Wind Grower e Wind Hero —cuxos enderezos sociais estiveron en Mallorca até o pasado ano, cando pasaron a Ourense— aparecen como administradores solidarios o propio Bruno Mascaró e mais o veterano da familia Antonio Mascaró Gomila, un vello coñecido da Xustiza balear, segundo reportan diferentes medios locais. O que na década de 1990 fora directivo da Banca March foi imputado en 2006 no marco do 'caso Royaltur', unha investigación na que se pedían para el seis anos de cadea por un presunto delito de estafa denunciado polo empresario hoteleiro Jaime Moll, se ben foi absolto por non achar o xuíz indicios delituosos.

Mascaró Gomila foi tamén encausado polo 'caso Andratx' —sempre segundo a prensa balear—, unha trama de corrupción urbanística que salpicou o Goberno local e na que tampouco resultou condenado o empresario malia a acusación inicial de participar no entramado, ao ser o administrador de dúas das sociedades mencionadas neste auto xudicial, Inversiones Bruja S.L. e Spanish Investments S.L..

Un único 'macroproxecto' eólico nun espazo protexido?

Treboada e Ventumelo, os proxectos impulsados respectivamente por Wind Grower e Wind Hero, son os que máis avanzaron na tramitación administrativa dos cinco que o conglomerado empresarial prevé situar na Ribeira Sacra. Ambos os dous obtiveron a comezos de novembro a declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel por parte da Consellaría de Medio Ambiente, polo que o seguinte paso sería xa a autorización do Goberno galego.

Segundo figura na propia DIA, o parque Ventumelo compartirá infraestruturas básicas sen as cales non podería operar co parque Treboada, como a subestación transformadora, obxecto deste último proxecto. Os aeroxeradores deste parque, admite Medio Ambiente, provocarán unha serie de afeccións ao medio "incrementadas polo efecto sinérxico" con estoutro parque, nun espazo moi próximo ao Camiño de Santiago de Inverno e o ben de interese cultural (BIC) da Ribeira Sacra.

Malia admitir a mercantil promotora diferentes impactos, a dirección xeral de Patrimonio Cultural dá por boas as súas explicacións: "No ámbito de estudo do parque eólico, identifícanse os elementos arquitectónicos Igrexas de San Xurxo e San Paio das Cabanas e as capelas de San Miguel e de San Antonio de Domecelle e o promotor non considera que exista impacto sobre eles e non propón ningunha medida correctora específica. No que se refire á proximidade do proxecto á Ribeira Sacra, o promotor non inclúe unha análise do impacto visual do parque eólico sobre o miradoiro da Capela nin sobre o conxunto histórico de Castro Caldelas". Porén, si insta a "valorar os impactos sinérxicos de ambos parques" e a complementar a avaliación de impacto con senllas "análises de visibilidade", sen considerar que ningún dos parques poida supor un prexuízo para a contorna.

Tal e como se expuxo anteriormente, Treboada e Ventumelo complementaríanse con Neboada, Orballeira e Xeada, que compartirían as infraestruturas de evacuación. En total, os cinco proxectos sumarían unha potencia instalada de 216 MW, polo que deberían tramitarse perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco). Porén, ao aparecer fragmentados en cinco, inferiores todos eles a 50 MW, pasan a ser competencia da Xunta. Diversos colectivos ecoloxistas levan tempo advertindo desta práctica, que cualifican de "fragmentación artificial" co obxectivo de "facilitar a tramitación".

Parte das infraestruturas ficarían inmersas dentro da zona de amortecemento do BIC da Ribeira Sacra, no ámbito de protección deste espazo natural. O "impacto visual" das turbinas eólicas foi, precisamente, un dos motivos esgrimidos polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos, polas siglas en inglés) no rexeitamento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade: "Supón unha obstrución visual para apreciar a ligazón entre os mosteiros e os ríos [...] Hai factores que afectan o territorio que non deberían estar permitidos dentro das lindes" dunha área candidata.

O papel de Rafael Nadal

A familia Nadal entra en escena neste 'macroproxecto' eólico a través da sociedade Debamina S.L., propiedade do tenista Rafael Nadal Parera en 99,3% e administrada actualmente polo seu pai, Sebastián Nadal Homar. Trátase dunha empresa utilizada para impulsar diferentes proxectos de enerxías renovábeis no Estado español a través, á súa vez, de Aspemir S.L., administrada pola nai do deportista, Ana María Parera Femenías.

Aspemir S.L., tal e como vén de revelar o Observatorio Eólico da Galiza, participa en 35% do capital de Wind Hero S.L. e Wind Grower S.L., as dúas sociedades administradas directamente polos Mascaró que están detrás de Treboada e Ventumelo.

Comentarios