Contracultura

Roi Cagiao: "Aquí non hai unha normalidade democrática, isto non se fechou como se debería ter fechado"

Roi Cagiao (Vigo, 1978), director de cinema, volve aos sucesos de 1972 co seu novo filme, '10 de marzo', que reconstrúe as folgas de Ferrol naquel ano. A preestrea foi no Teatro Jofre de Ferrol o pasado 29 de outubro e esta sexta feira chega o día da estrea. Será no festival Cineuropa, en Santiago. O filme estará en salas de cine a partir do 25 deste mes. Cagiao relata a 'Nós Diario' o percorrido realizado tras 'Vigo, 1972' (2017) e a historia do que considera "un punto de inflexión para a sociedade galega".
Roi Cagiao, director de 'Vigo 1972' (2017) e '10 de marzo' (2022). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Roi Cagiao, director de 'Vigo, 1972' (2017) e '10 de marzo' (2022). (Foto: Nós Diario)

—Despois de Vigo, 1972, cal era a intención ao facer 10 de marzo?
O proxecto que concibín inicialmente era facer unha única película documental que abordara a folga de setembro que tivo lugar en Vigo así como os sucesos de Ferrol. Con todo, atopeime co problema de que eran dous procesos complexos que requirían dunha investigación bastante grande e un número excesivo de entrevistadas. Polo tanto, como eu son vigués, resultábame máis sinxelo traballar primeiro na folga de setembro. Ao funcionar tan ben a nivel de público e satisfacción persoal decidimos continuar con esta, que non é tanto unha segunda parte, senón unha metade dun todo.

Os eventos do 10 de marzo non xorden por xeración espontánea: foron madurando ao longo dos anos e iso dá como resultado esa gran manifestación. A morte de Amador Rei e de Daniel Niebla xunto co número de feridas, que aínda hoxe considero que non se sabe exactamente cal foi dado que moitas persoas non acudían aos hospitais para non ser detidas, tivo unha repercusión en toda Galiza e inclusive en España. Para min, sen ser eu o especialista máis cualificado para dicilo, é un punto de inflexión para a sociedade galega. De feito, mesmo a prensa clandestina viguesa do movemento obreiro considerou que a cidade estaba pouco madura para unha folga xeral e, posteriormente, enténdese que os sucesos de setembro foron posíbeis en relación aos de Ferrol.

—En Cineuropa, 10 de marzo estará acompañada dos filmes de Aser Álvarez e Antonio Caeiro, que tamén xiran arredor da memoria histórica.
Cando comezamos a traballar en Vigo 1972 hai polo menos dez anos pensabamos que era necesario facer esa película para educar as novas xeracións. Por desgraza, co rumbo que tomamos a nivel político co auxe da extrema dereita e o revisionismo histórico no que parece que a ditadura non era tal, é aínda moito máis necesario que se fagan este tipo de filmes. Diría que non hai un auxe especial, porque desde que eu comecei a facer documentais sempre estivo presente esta temática.

Cando hai miles de persoas desaparecidas aínda nas cunetas, cando Franco estivo homenaxeado no Val dos Caídos até hai tan pouco, con todos os acontecementos recentes arredor da exhumación de Queipo de Llano... Aquí non hai unha normalidade democrática, isto non se fechou como se debería ter fechado. Evidentemente, queda moito por dicir.

—Cales son as expectativas no festival?
Esperamos que teña unha boa acollida, tamén pola sensibilidade progresista que ten o festival. Ademais, esta película non a concibimos para un grupo reducido de persoas, senón que está pensada para que sexa interesante para un sector da poboación o máis amplo posíbel. Preocupámonos moito porque tivera un ritmo vibrante, un pulso intenso, porque non busca ser un documental unicamente didáctico senón que queremos xogar coas emocións do público. Ademais, contamos con material practicamente inédito cedido por Navantia que foi dixitalizado hai pouco tempo e que diría que non foi utilizado en ningunha parte fóra do momento puntual no que se tomaron.

Unha cousa que para min é moi interesante é que Vigo 1972 funcionou moi ben e especialmente alí na cidade, onde estivo sete semanas seguidas no cine, e foi entre outras cousas porque hai un protagonista colectivo. Non son só as persoas entrevistadas, senón todas aquelas que participaron e se alguén che conta unha historia que fala sobre ti ou sobre a túa familia, algo que para eles foi moi significativo, e está ben contada seguramente teñas máis interese por ir vela ao cine. No mes de novembro, despois de Cineuropa, faremos máis proxeccións en Nigrán, en cinco concellos da zona da Coruña e en Ferrol estaremos o día 24.  
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios