O papel dos movementos sociais galegos durante a transición, a debate nun congreso da UDC

Nós Diario conversa co coordinador do III Congreso As Outras Protagonistas da Transición, o historiador Uxío-Breogán Diéguez.
Jesús Celemín, concelleiro de Educación e Memoria Histórica do Concello da Coruña, Julio Abalde, Reitor da UDC e Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Jesús Celemín, concelleiro de Educación e Memoria Histórica do Concello da Coruña, Julio Abalde, Reitor da UDC e Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC. (Foto: Nós Diario)
Este sábado está a decorrer a segunda xornada do III Congreso As Outras Protagonistas da Transición, organizado pola Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña (UDC). O evento, iniciado onte no Centro Universitario de Riazor, busca pór en valor aqueles movementos e proxectos colectivos que encararon a ditadura franquista desde Galiza en favor da democracia durante o proceso da transición.

O director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC e coordinador do congreso, Uxío-Breogán Diéguez, explica en declaracións a Nós Diario, que o acto “está a funcionar magníficamente, tanto na calidade dos traballos e das intervencións como no número de persoas asistentes”.

Así, o historiador indica que neste congreso estase a visibilizar “a relevancia dos movementos sociais, dos partidos políticos antifranquistas, das organizacións sindicais democráticas”, así como a importancia dos “movementos veciñais, culturais e artísticos comprometidos coa democracia, co país, coa cultura e coa lingua” da Galiza. “Sen aquel pulso librado contra a ditadura, sen aquela realidade polifónica que resultou chave no noso país, hoxe a Galiza non sería o que é”, sostén Diéguez.

“Sen aquel pulso librado contra a ditadura, sen aquela realidade polifónica que resultou chave no noso país, hoxe a Galiza non sería o que é”

Segundo argumenta o experto, este tipo de congresos, así como todas “aquelas actividades de lembranza de efemérides vinculadas ao proceso de transición e ás loitas libradas” resulta relevantes pois “poñen a atención sobre unha realidade que infelizmente non está tan presente como debería”. Nesta liña, Diéguez critica a carencia da visibilizadade destas efemérides “no sistema educativo e nos libros de texto, ou nos medios de comunicación” e engade que “sen este tipo de congresos estarían totalmente esquecidas”.

Invisibilización da muller

Neste congreso tamén se lles está a dar voz ás outras protagonistas que, “á marxe dos partidos que por regra xeral se presentan como referencia da transición, foron chave á hora de comprender aquel período histórico”. Ademais, no evento estase a incidir especialmente na “particular invisibilización das mulleres” que, segundo indica o experto, “libraron unha dupla loita: a de xénero e aquela relacionada coa súa participación a pé de rúa durante o proceso de transformación”.

Como conclusión do congreso, Diéguez entende que “falta unha maior presenza da relevancia que tiveron os movementos populares e sociais na transición, que ficaron invisibilizados por aqueles grandes partidos da matriz española, cuxo protagonismo non foi o único” pois, indica, “alén deses partidos había outros galegos cunha relevancia crucial na transición e na vertebración da Galiza que estaba por vir”.

O congreso remata esta tarde coa interpretación do artista Moncho d’Orzán dun alalá, que introducirá o Grândola “que acabaremos cantando todas as persoas asistentes”.

Comentarios