Mulleres represaliadas no cárcere de Tui (1936-39)

No cárcere do Partido Xudicial, en Tui, foron ingresados moitos homes e mulleres tralo golpe de Estado de 1936. A rabiosa presión exercida sobre as mulleres foi unha das tácticas seguidas polos sublevados para a imposición do terror, do medo e mais do silencio.
Antigo cárcere do Partido Xudicial en Tui. (Foto: @fotosantiguastuy)
photo_camera Antigo cárcere do Partido Xudicial en Tui. (Foto: @fotosantiguastuy)

En Tui hai unha serie de inmobles que funcionaron como cárceres en diferentes épocas e hoxe están identificados con algunha placa informativa, pero non sucede o mesmo co cárcere do Partido Xudicial, onde foron ingresados moitos homes e mulleres tralo golpe de Estado do 36. Non hai ningunha placa que o lembre, en contraste cos numerosos recordatorios a Calvo Sotelo, a pesar do importante papel que xogou esta prisión para a imposición do terror a partir do 26 de xullo do 36 no Baixo Miño.

Como o 24 de abril deste ano fanse 85 anos do asasinato de Evangelina Jaso, quen tras botar apenas unhas horas presa no cárcere de Tui, foi entregada ao xefe da forza de artillería para ser executada, vou lembrar nestas escasas liñas algunhas das mulleres que tamén estiveron presas nese cárcere desde o verán quente do 36 ata o ano en que finaliza a guerra.

Entre as 91 mulleres que pasaron polo cárcere nos anos da guerra por diferentes motivos, distínguese un primeiro grupo de presas políticas que foron acusadas e condenadas por rebelión militar, e cumpriron condena no duro cárcere franquista de Saturrarán. As máis biografadas son María (Purificación) Gómez González, alcaldesa da Cañiza, dedicada segundo consta na ficha de rexistro “a sus labores” (nunca indican o seu cargo político), que estivo desde o día 11 de agosto ata que sae, para ser xulgada en Vigo, o 29 do mesmo mes. E a mestra Josefa García Segret que, reclamada polo xuíz militar, ingresa o 4 de outubro, o mesmo día do cruel asasinato do seu home en Mondariz. Ambas as dúas alegaron estar embarazadas para librárense da pena de morte á que foran condenadas.

Imposición do terror

Un segundo grupo máis numeroso confórmano mulleres non tan (re)coñecidas e investigadas. Estiveron presas no cárcere tudense acusadas de auxilio a fuxidos, ou simplemente por seren parentes (nais, compañeiras, fillas) de homes tamén vítimas da dura represión no sur da provincia de Pontevedra neste trienio. A rabiosa presión exercida sobre elas foi unha das tácticas seguidas polos sublevados para a imposición do terror, do medo e do silencio. Por ese motivo encerran e manteñen incomunicada a María Álvarez Fernández, muller do alcalde de Tui, Guillermo Vicente, fuxido xunto con Alonso Ríos, que morreu agochado no seu domicilio familiar en Pintán.

Tamén Ramona Fernández Miniño, do Porriño, irmá dos Fernández Miniño, perseguidos de maneira sañuda polos falanxistas, e aos que Evangelina Jaso ocultara na súa casa. Outras vítimas colaterais foron mulleres de Tui e da Guarda, como Concepción Andrés García, muller de Manuel Domínguez Pacheco O Taxota, declarado como desertor, e a súa sogra María (da Luz) Pacheco Videira, a quen xa lle mataran outros dous fillos (Angel e Antonio) na Sangriña.

Ambas ingresan no cárcere o 28 de setembro. Foron levadas ata Tui pola garda civil, pero tiveron que pagar do seu bulso o autobús. Concha relata no material gravado para o Memorial de Camposancos o mal que o pasou no cárcere, sobre todo polas pésimas condicións hixiénicas e a fame. Outra guardesa foi María Álvarez Álvarez, María das Auroras, unha muller afouta e solidaria que acolleu a Manuela Baz, viúva de Antonio Domínguez Pacheco, e a Josefa G. Segret despois de saír de Saturrarán. Segundo conta José A. Uris, foi rapada e obrigada a beber aceite de ricino e exposta a escarnio na praza do Reloxo na Guarda, onde tamén queimaron os seus libros.

Infames condicións

Igualmente estiveron presas canda elas dúas mulleres de Goián (Tomiño). Generosa Salgueiro, desde o 30 de setembro e ata o 16 de abril do ano seguinte, por ser a nai de Gerardo Salgueiro, un dos membros da tripulación do destrutor Churruca, que permaneceu leal ao Goberno da República.

Gerardo Salgueiro e Saulita Martínez. (Foto: Nel Salgueiro)
Gerardo Salgueiro e Saulita Martínez. (Foto: Nel Salgueiro)

Tamén prenden a nora, Saulita Martínez Estévez, que estaba preñada. Nesas infames condicións sobreveulle o parto o 5 de novembro e no rexistro sinalan que pariu unha nena ás 11 da mañá. Segundo conta a súa familia, cando estaba para parir eran tales os berrios que xente de Tui, que estaba fóra, tentou botar a porta abaixo para axudala e levarlle roupa e mantas. Sae o 12 do mesmo mes en liberdade atenuada no seu domicilio.

No ano 38, aínda encarceran algunhas mulleres máis, por “auxilio a los uidos”(sic), ou por “supuesta complicidad con los uidos”(sic), como María García González, nai de José A. Rodríguez García, que formou parte do CDR de Salvaterra, e morreu fuxido en Vilas (Morgadáns). Mais a partir de finais deste ano as detencións van minguando e no 39 xa podemos asegurar que non ingresan mulleres por motivos políticos. Unha gran parte das que deteñen despois do 39 é por andaren no contrabando, pero iso xa é outra historia.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios