Clamor nas rúas por unha transición democrática que poña fin á monarquía

Rúas e prazas de cidades e vilas enchéronse de milleiros de persoas que se mobilizaron contra os intentos de erguer unha segunda transición con Felipe VI como trabe. VÍDEO NO INTERIOR.

repub
photo_camera @vigoalminuto

Milleiros de persoas saíron á rúa esta segunda feira para dicir non a unha abdicación, a de Juan Carlos de Borbón, con arrecendo a manobra para salvar a monaquía española. En Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol ou Ourense. Mais tamén en vilas como Foz, Chantada ou O Porriño, entre outras. Nalgúns lugares, con mobilizacións unitarias. Noutros, houbo máis dunha concentración. Máis unha vez, en escasas horas en rexime de auto-convocatoria e a través das redes sociais, cidades e vilas de Galiza foron escenario de nutridas manifestacións.

En Vigo a mobilización unitaria reuniu a máis de 2.500 persoas, segundo medios locais. Na Coruña houbo 2 concentracións, que sumarían uns 2.000 participantes

Á mesma hora que nos telexornais e radios facían repasos laudatorios da traxectoria de Juan Carlos de Borbón e insistían na óptima preparación de Felipe VI para coller o relevo do pai á fronte da xefatura do Estado español, milleiros de persoas pedían na rúa o dereito a decidir. Non foi só en Galiza. Tamén houbo, e moitas, concentracións nos diferentes territorios do Estado español. Especialmente multitudinarias en Madrid e en Barcelona.

República galega

Mais en Galiza houbo un valor engadido, plasmado na reivindicación da República galega, que se fixo notar en gran parte das mobilizacións: que ese dereito a decidir (sobre o modelo de xefatura do Estado) se estendese ao dereito a decidir o futuro como pobo. Unha demanda que tamén se plasmou nas mobilizacións de Euskal Herria e moi especialmente en Catalunya.

En Compostela a Praza do Toural ficou cativa para acoller tanta xente. Un dos lemas máis coreados: ''Galiza mañá/república será''

En Compostela, Vigo ou A Coruña, as concentracións derivaron en manifestacións que percorreron as rúas das cidades. Na capital de Galiza, ao berro de ‘Galiza mañá/republicá será’. Tamén nestas tres cidades tiveron lugar as concentracións máis numerosas. Na Coruña houbo dúas, algo que tamén se deu en Ferrol. 

Comentarios