O asociacionismo galego en tempos de represión

A exposición Asociacionismo cultural en Galiza (1961-1975) descobre no Museo do Pobo galego o traballo por recuperar a cultura do país en tempos de ditadura.
Ricardo Gurriarán
photo_camera Ricardo Gurriarán

Traballar co medo a unha sanción económica ou a fortes ameazas persoais reprimiu calquera tipo de expresión cultural identitaria nos anos posteriores ao golpe de Estado de 1936. A difícil situación económica dun país ocupado, con boa parte do seu valor humano morto ou exiliado e obrigado a adoptar costumes alleas mesmo no ámbito privado non foi quen de impedir que xermolaran, a partir dos 60, pequenos espazos de luz en vilas e cidades galegas. Un dos investigadores que mellor coñece ese período da nosa historia é Ricardo Gurriarán que centrou os últimos traballos en estudar os movementos sociais na Universidade de Santiago de Compostela e no asociacionismo cultural. A partir da relación da A.C. O Galo e outras entidades neses anos creou un grupo de investigación cunhas socias mois activas desta entidade para ir máis alá e dar a coñecer que facían outras asociacións en todo o territorio galego. Comezáron a aparecer fondos documentais moi importantes, como o de Manolo Caamaño, presidente da A.C. O Facho durante moitos anos, ou o dalgunhas asociacións que aínda funcionan. A idea de dar a coñecer todo este material foi, daquela, un paso evidente.

A exposición
Entre os máis de 20.000 documentos que se recompilaron ao longo de dous anos foi ben difícil decidir a escolma para a exposición. “A selección foi divulgativa”, asegura Gurriarán, “tivemos en conta os elementos máis significativos tanto a nivel iconográfico como a nivel documental”. Vinte e un paneis explicativos agardan ao visitante a xeito de guía temática. Os diferentes apartados afondan no contexto socio-político e cultural, os antecedentes do asociacionismo, o seu nacemento, a súa organización, os apoios, crecemento e alianzas, o asociacionismo como primeira fase da normalización cultural, o tecido asociativo galego en 1961, entidades como O Facho (1963) e a Asociación Cultural de Vigo (1965), o asociacionismo en Pontevedra, Ourense, Lugo, no exterior e a vida asociativa (lingua, teatro, libro, liturxia, música, cinematografía, plástica e os medios de comunicación. A exposición remata cun apartado dedicado a vida política nas asociacións. Como asegura o propio Gurriarán “Foi máis dificultoso facer un texto de 20 liñas cun impacto receptivo no lector que un estudo elaborado en profundidade”.


Ricardo Gurriarán, investigador

“Estas asociacións abriron unha primeira canle da definición de cultura nacional”

 
Como xurdiu o interese por investigar as asociacións culturais galegas?
Hai dous anos, despois da exposición do movemento estudantil de Santiago, visualizouse o papel da A.C. O Galo na cidade e na exposición conmemorativa dos corenta anos dos acontecementos do 68. Un grupo de rapazas desa asociación e do Facho interesáronse por promover o que era o 50º aniversario no 2011. Fixemos unha exposición e presentámoslle o proxecto ao concello e este dixo que se se facía extensivo ao todo o movemento estudantil da Galiza adiante. Montamos un comité asesor con estas mozas entusiastas e durante ano e medio recollemos o material. Ao principio foron unhas 30 entrevistas aos que puxeron en marcha o tecido asociativo.

Algunha sorpresa despois da recollida de todo o material?
Hai varias. Visualizamos que nos anos 50 había asociacións até o de agora moi descoñecidas. Foi un dos elementos en positivo que atopamos. Tamén a grande cantidade de material que recollemos para futuras investigacións e que estará no Consello da Cultura Galega. Sorpréndome da Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia de Marín onde hai unha programación continuada desde a súa fundación en 1952 onde collen a icona de Otero Pedrayo para encabezar unhas semanas culturais e coa presenza do galeguismo da contorna de Galaxia. Comézase a asomar a cabeza. É verdade que o pintor Manuel Torres é marinense estaba detrás deste tecido, amigo de Castelao, comprometido coas vangardas pictóricas de preguerra e busca unha vía para promover unha actividade cultural onde ten acollida a cultura do país. O mesmo pasa coa Asociación de Cultura Iberoamericana da Coruña, promovida, entre outros, por González Garcés, que tamén tendo un nexo co Instituto de Estudos Iberoamericanos e cun sustento estatal, fan tecido e penetran con certo compromiso da contorna artística da Coruña e visualizan o propio. A primeira conferencia en galego de posguerra é de Francisco Fernández del Riego a mediados dos 50 nesta asociación.
Estas asociacións abriron unha primeira canle da definición de cultura nacional e de promover trazos identitarios de país cun afán e unha metodoloxía bastante acaída, cun impulso integrador dalgún xeito, mesmo ao activarse a RAG que estaba durmida até a chegada de Sebastián Martín Risco.


Tamén recibían expedientes sancionadores, como o que tivo o presidente da Auriense por emitir a curta galega “A tola”

Que relación tiveron esas asociacións con outras Estado español?
Até o ano 1968 en que varias asociacións se enmarcan nunha campaña de compromiso no aniversario da Declaración dos dereitos humanos non atopamos relación. No Ateneo de Pontevedra veu falar Manuel Sacristán que acababa de saír do cárcere e noutras entidades algunhas figuras catalás, sobre todo dentro do ámbito político, veñen a Galiza, pero é xa a principios dos anos 70.

É verdadeira esa imaxe pouco asociacionísta da Galiza?
A tradición asociacionismo antes do 36 é mi importante. O franquismo esnaquiza e liquida todo este movemento e fagocita o elemento folclórico como algo achegado ao réxime. De feito é sintomático de que poucas iniciativas hai no terreo da música nos orfeóns e corais, ata os 60, con outro paradigma. O asociacionismo mudou a partir de 1965. Pasou con determinadas asociacións que de xeito transversal, ligaron a súa actividade con outros movementos asociativos como é o caso do teatro de Ribadavia ou as xornadas de cine de Ourense.

Como afectaron os elementos represivos do réxime a estas asociacións?
Temos documentación de suspensión de conferencias, e para cada acto tiñan un complicado trámite que consistía en pedir permisos oficiais para realizar mesmo unha conferencia. Outras eran ter ao día os libros das asociacións no Goberno Civil, no caso contrario pechaban a entidade. Había informes policiais das directivas dos centros e un control estrito de todos os seus compoñentes. Tamén recibían expedientes sancionadores, como o que tivo o presidente da Auriense por emitir a curta galega “A tola”. Outros casos máis coñecidos, por exemplo, foron os de Voces Ceibes por cantar fóra de guión. Temos centos de documentos sobre estes temas.

E investigar o asociacionismo a partir de 1975?
Penso que as cousas teñen que coller un pouso. Este é un primeiro chanzo que se non se facía perdíamos a documentación. Da democracia para acó todo o mundo recolleu e é moi doado. A partir de 1975 hai moitas máis variábeis, a definición de cultura pasa por outras coordenadas e existe un apoio por parte dalgunhas institucións. Mais tamén é verdade que existe unha confrontación entre a intervención política e a cultural que dalgún xeito define vías diferenciadas non tanto como no período anterior, pode estudarse co paso do tempo.      

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios