Os muros achados en Brandomil sorprenden o equipo arqueolóxico: "É algo pouco habitual de encontrar na Galiza"

Descobren unha gran construción no xacemento de Zas.
O equipo de arqueólogos traballando en Zas no xacemento de Brandomil. (Foto: Lino Gorgoso)
photo_camera O equipo de arqueólogos traballando en Zas no xacemento de Brandomil. (Foto: Lino Gorgoso)

A Fundación Brandomil e o Concello de Zas están a promover campañas de sondaxes e o paso dun xeorradar para identificar estruturas soterradas no xacemento romano de Brandomil. As sondaxes realizadas durante o mes de agosto por un equipo de arqueólogos e arqueólogas dirixido por Lino Gorgoso desvelaron estruturas, materiais e unha vía romana. 

Nestes momentos, o equipo está a levar a cabo unha escavación na área para ampliar unha das sondaxes das estruturas que, segundo o propio Gorgoso, é “moi potente”. Estas construcións, que se localizan na finca Pedra do Altar, nas aforas da zona, conteñen grandes muros e pavimentos, “algo pouco habitual de encontrar na Galiza”, explica Gorgoso a Nós Diario. Ademais, sostén que a estrutura na que o equipo arqueolóxico está a escavar é tan grande que os seus muros exceden a área da finca na que traballan. O seu gran tamaño indica que se podería tratar dunha mansio romana, o equivalente a unha pousada ou hospedaxe

A ponte de Baldomir e a calzada romana situada a seis metros da estrutura xustificarían a presenza desa pousada na zona. Con todo, o equipo tamén contempla que se corresponda a unha domus, é dicir, unha vivenda romana con certo valor, ante “a boa calidade” tanto da construción como dos materiais atopados. Entre estes materiais, “que proveñen da Península e do Norte de África, como Tunisia”, destacan louzas finas, “como os pratos”. 

O asentamento romano da Pedra do Altar experimentou a súa “ocupación álxida a finais do século I”, explica o arqueólogo. “Despois vemos que puntualmente" puido haber outros asentamentos ao atopar “pavimentos novos”. Isto achega un abano temporal “máis incerto” en canto ás ocupacións posteriores. “Seguramente o asentamento se estendeu nos séculos III e IV, quizais até o V”. Ademais, Gorgoso sinala que é posíbel que "a existencia deste tipo de asentamentos teña que ver coa construción da estrutura viaria”, e sinala a posibilidade de que “a propia vía provocase o asentamento”. 

Estas investigacións están e descubrir que o xacemento de Brandomil é “máis completo do que pensabamos”, xa que conta “cunha ponte, cunha necrópole romana, con estruturas de boa calidade e cunha dispersión de restos sobre unha superficie de 14 hectáreas”. Así, Gorgoso conclúe que, se ben o asentamento non chega a ser unha cidade, é máis grande que unha aldea.

Con todo, Gorgoso explica que “estamos vendo como funcionou o abandono” do asentamento e por que se deixaron de usar as estruturas. “Hai algúns momentos nos que atopamos moita concentración de carbóns en zonas de queimado, e queremos comprobar" cando sucedeu.

Visitas ao xacemento

Os próximos pasos que levará a cabo o equipo arqueolóxico centraranse na consolidación e restauración das estruturas romanas descubertas para que, unha vez finalizada a campaña, poidan ser visitadas. De cara ao futuro, tamén pretenden conectar a calzada descuberta e as construcións que se están a escavar nestes momentos.

As intervencións estanse a levar a cabo a través dunha colaboración entre a Fundación Brandomil e o Concello de Zas, que asinaron a comezos de mes un convenio para continuar cos traballos no asentamento. Para isto, o Goberno local destinou 30.000 euros, uns orzamentos cos que pretenden deixar ao descuberto a calzada romana e continuar as escavacións na Pedra do Altar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios