Inician unha prospección arqueolóxica no Castelo do Faro, un xacemento "considerabelmente afectado" polos eólicos

Os aeroxeradores destruíron "partes significativas do interior do recinto", afirma o persoal investigador.
O xacemento sufriu afeccións por mor dun parque eólico. (Foto: romanarmy.eu)
photo_camera O xacemento sufriu afeccións por mor dun parque eólico. (Foto: romanarmy.eu)

Arqueólogos do colectivo romanarmy.eu desenvolven, desde esta segunda feira, unha campaña de prospección arqueolóxica no xacemento a maior altura do sur do país, o Castelo do Faro, en Covelo.

Localizado a 1.148 metros de altitude nas proximidades do Faro de Avión, os investigadores traballarán na gran fortificación con distintas técnicas —incluíndo a xeofísica— e estudarán en detalle as súas estruturas mediante sondaxes arqueolóxicas.

O seu director científico é o profesor da Universidade de Salamanca e arqueólogo José Manuel Costa García, comandando un equipo no que participa João Fonte, arqueólogo da Universidade de Exeter (Reino Unido), Francisco Alonso Toucido (Tempos Arqueólogos) e o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Manuel Gago (Universidade de Santiago de Compostela).

Esta campaña durará até a próxima sexta feira, 17 de xuño, e está promovida polo Concello de Covelo cunha subvención para actuacións arqueolóxicas da Deputación de Pontevedra. O recinto foi descuberto polo colectivo romanarmy.eu con técnicas de teledetección e comunicada a súa existencia á Dirección Xeral Patrimonio da Xunta da Galiza en 2020.

O xacemento ten unha planta de tendencia ovalada, conformada por unha muralla construída con pedra granítica local ocupando unha área de arredor de cinco hectáreas.

A muralla adáptase á topografía local, cinxindo un amplo perímetro interior que non parece corresponderse co parcelario agrario da zona. Un aspecto particular da muralla é a existencia dunhas singulares estruturas cuadrangulares encostadas ao muro, de función descoñecida e sen paralelos coñecidos noutros recintos fortificados.

Desprotexido fronte aos aeroxeradores

O grupo de investigación explica que, posto que non foi identificado como estrutura arqueolóxica até o momento, o Castelo do Faro atópase considerabelmente afectado por un parque eólico, que "destruíu partes significativas do interior do recinto". A pista de acceso afectou tamén partes da muralla perimetral do recinto.

Comentarios